Os nacionalistas advirten das carencias que presentan as contas de 2026, nas que volven quedar ausentes investimentos para mellorar a calidade de vida de milleiros de veciños e veciñas do rural de Sanxenxo
O Bloque denuncia que Telmo Martín “xa está en campaña electoral”
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo valorou o Orzamento municipal deseñado polo Partido Popular. Unhas contas que, unha vez máis, volven deixar de lado ao rural, e que non teñen en conta necesidades e servizos que precisan milleiros de veciños e veciñas das parroquias que non pertencen aos núcleos urbanos.
“Con esta proposta de Orzamento Telmo Martín deixa claro que xa está en campaña electoral”, critican desde o Bloque, que teñen claro que nestas partidas “hai moito fume e moi pouca realidade”. Os nacionalistas ven nestes Orzamentos unha nova mostra do ‘modus operandi’ do alcalde, especialista en políticas de formigón e cemento.
“Vemos moita previsión de infraestruturas, pero ningunha aposta polo mantemento. Esa é a especialidade do señor Martín: construír e despois esquecer, como, por exemplo, xa ten feito co Centro de Interpretación da Telleira de Vilalonga, abandoado á súa sorte durante décadas”, apuntan os e as responsables do BNG sanxenxino.
Unha das principais carencias que se detecta neste Orzamentos ten que ver coa ausencia de investimentos importantes para mellorar ou potenciar servizos básicos no rural. “O abandono de todo o que non sexa Silgar ou o Porto Deportivo de Sanxenxo é unha constante na xestión do Goberno do Partido Popular”, lamentan desde o Bloque, que critican o feito de que moitas parroquias do concello “estean a monte, con contedores do lixo en mal estado ou que non funcionan, numerosas pistas e estradas municipais sen arranxar e sen limpeza e mantemento de cunetas”. Tampouco se prevé nesta partida de 2026 un investimento para dotar dun servizo de transporte ás persoas que viven no rural e que non dispoñen de medios para desprazarse aos núcleos para facer xestións ou acudir aos Centros de Saúde. “É unha demanda que moita xente, especialmente a de máis idade, trasladou en varias ocasións e o alcalde é perfectamente consciente, pero prefire prometer obras faraónicas que xa veremos se se levan a cabo”, apuntan os nacionalistas.
Neste senso, o BNG ten claro que a palabra de Telmo Martín non é fiable. “As promesas de quen asegurou que a expropiación da finca das Cunchas tería custe cero ou quen dixo en campaña electoral que baixaría os impostos para despois incrementalos non valen nada. Por iso, sabemos que este Orzamento faraónico ten moito de fume e moi pouco de realidade”, aseguran os nacionalistas, que tamén volven incidir na falta de investimentos por parte da Xunta de Galicia en proxectos “prometidos, pero xa esquecidos”, como a conexión entre Vilalonga e o polígono de Nantes, así como actuacións anunciadas “a bombo e platillo” pero que non figuran na partida autonómica, como a reforma do pavillón do CEIP A Florida.



