Coincidindo co segundo aniversario da agresión ao portavoz municipal do BNG, a Xunta ven de rematar o expediente sancionador á empresa responsábel dos vertidos, no que se contempla unha multa de 12.000 euros e a obriga de restituir os terreos
Cando se cumpren dous anos da agresión ao portavoz municipal do BNG, Manuel Fariña, por denunciar un atentado medioambiental nos montes de Saiar, a Xunta ven de resolver o expediente administrativo no que se resolve sancionar á empresa responsábel, cunha multa de 12.000 euros por infracción grave e a obriga de repoñer e restaurar o monte ao seu estado anterior á comisión da infracción.
O portavoz nacionalista mostrouse satisfeito coas conclusións do expediente administrativo, e afirmou que “xa ía sendo hora que despois de anos e anos no que tanto o concello como a Xunta miraban para outro lado, a Xunta se decida actuar e obrigue á restauración do espazo”.
No BNG -sinala Fariña- “seguiremos como até agora traballando a favor do medioambiente de Caldas e denunciando todas as agresións. O medio ambiente é cousa de todas e todos, e de todas e todos é coidar polo seu bo estado. Neste sentido a resolución é unha moi boa noticia, que agardemos serva para frear as agresións ao noso monte”.
Mais de momento, Manuel Fariña informou que en decembro de 2022, o SEPRONA volveu denunciar un novo vertido de escombros nos montes de Saiar. “Lamentabelmente, a historia repítese máis da conta e o goberno municipal fica, máis unha vez, de brazos cruzados, vendo como se agrede o noso monte e sen facer nada de nada. Unha mostra máis da ineficacia e deixadez dun goberno sen impulso e sen ideas”



