O BNG censura a ocultación do Día das Letras Galegas

adminON
Lectura mínima de 3

Lucía Santos denuncia a falta de respecto do goberno do PP á lingua galega pola organización dun evento que, malia presentarse como unha cita literaria en clave galega, exclúe o tecido cultural local, entrega a organización a axentes externos e amosa unha escasa coherencia coa cultura do país

O BNG (Bloque Nacionalista Galego) manifesta o seu desacordo coa concepción e desenvolvemento da primeira edición de “Marín Vila do Libro”, un evento que, malia celebrarse coincidindo co Día das Letras Galegas e presentarse como unha homenaxe á cultura galega, evidenciou graves carencias de contido, enfoque e compromiso co tecido cultural do país.

A páxina web do evento https://viladolibro.gal/marin/ constata que “a literatura e a cultura galega son os grandes protagonistas” e que a celebración se integraba nas Letras Galegas cunha programación diversa. Porén, a realidade contradí esas intencións. O propio 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha das actividades foi unha charla sobre tradución ao catalán, afastada do propósito de reivindicar a nosa lingua.

Tanto a programación como a ambientación foron pouco coidadas e desaxustadas ao contexto. Parte da decoración foi reciclada dun evento anterior celebrado en Pontedeume, con carteis que mencionaban esa vila, e durante toda a fin de semana expuxéronse libros en castelán e catalán, mentres a lingua galega quedaba relegada, mesmo nunha celebración presentada como tributo á súa cultura.

O evento foi organizado por unha empresa catalá, cunha programación deseñada fóra de Galiza. Sen entrar a valorar a profesionalidade da entidade contratada, a portavoz do BNG, Lucía Santos Omil, considera inxustificábel que o Concello delegue unha celebración cultural de tanto simbolismo en axentes externos, deixando á marxe creadoras, colectivos e entidades culturais galegas.

Ademais das deficiencias organizativas e culturais, o BNG tamén cuestiona o patrocinio do evento por parte de ENCE, unha empresa que leva décadas xerando estragos ambientais en Galiza. A presenza da súa marca nunha celebración da cultura galega resultou ofensiva, levando a varios autores, autoras e editoriais a non participar por motivos éticos.

Tamén, a iniciativa anunciouse como un impulso ao comercio local, pero foi a empresa organizadora quen controlou as vendas de libros, deixando fóra as librarías da vila. Os obradoiros foron tamén encargados a empresas foráneas, sen dar cabida ao talento e profesionais locais.

O BNG considera que “Marín Vila do Libro” podería ter percorrido como proxecto cultural se se formula con maior coherencia e con verdadeiro compromiso coa cultura galega. Entendemos que, se o obxectivo é celebrar o libro en sentido amplo, existen outras datas máis axeitadas, como o Día Internacional do Libro.

Comparte este artigo