Reitera a súa “firme oposición” a que a cidade acolla en maio este “acto de propaganda para xustificar unha carreira armamentística da que participa o Goberno español”
O Ministerio de Defensa vai gastar case 400.000 euros nas bancadas do evento
Xabier P. Igrexas: “Non se pode pregoar o ‘Non á guerra’ e despois encher as rúas da maior cidade de Galiza con militares e armas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a un amplo rexeitamento social do desfile das Forzas Armadas en Vigo previsto para o vindeiro 30 de maio. A fronte nacionalista reitera a súa “firme oposición” a que a cidade acolla este acto por consideralo unha “exaltación militarista e españolista”.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que este desfile é “claramente incoherente e incompatíbel coa defensa da paz” no actual contexto de crecente belicismo e tachou de “dispendio inxustificábel” de recursos públicos a súa celebración, após se coñecer que o Ministerio de Defensa vai gastar case 400.000 euros na instalación de bancadas.
“Non se pode pregoar o ‘Non á guerra’ e despois encher as rúas da maior cidade de Galiza con militares e armas”, afirmou Igrexas en referencia ao Goberno español, afeando tamén que o acto sexa presidido por “unha monarquía española que é un residuo antidemocrático, corrupto e anacrónico”.
Dende o BNG insistiron en que a paz non se constrúe nin alenta con exhibicións de armamento. Un desfile que ademais interpretan dende a fronte nacionalista como un “acto de propaganda para xustificar unha carreira armamentística”, da que tamén participa o Goberno de Pedro Sánchez, que ao seu xuízo “obedece só aos intereses do Imperialismo e da industria da guerra”.
Chamamento á veciñanza
Por estes motivos, o portavoz municipal do Bloque fixo un chamamento aos movementos sociais, ao tecido asociativo e ao conxunto da veciñanza a expresar o seu rexeitamento a este acto e reclamar que non se celebre. “Nunha cidade como Vigo fondamente comprometida coa paz non caben desfiles militares”, salientou.
Igrexas lembrou que “a guerra só beneficia a uns poucos pero é o pobo que sempre paga a factura”, sinalando as mortes e a destrución nos lugares onde se están producindo os conflitos e as consecuencias en forma de “brutal” carestía dos prezos que se están a vivir na actualidade, xunto co aumento da inseguridade.
“A paz deféndese apostando de verdade na xustiza social, na cooperación, na solidariedade internacional e no respecto aos dereitos humanos e a soberanía dos pobos e nacións do mundo”, reivindicou Igrexas. “Non queremos nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares”, remachou.



