O recorte do servizo da Escola Infantil Municipal que a Alcaldía ten previsto para o próximo curso e a fórmula escollida polo rexedor para a selección dun novo representante na mancomunidade, que incorre en fraude de lei, foron aspectos criticados pola concelleira Rosana Domínguez.
O mércores 5 de xuño celebrouse en Meaño a sesión plenaria, de carácter extraordinario, que correspondía á sesión ordinaria que tiña que ser celebrada na última semana de maio. En materia de seguridade peonil o grupo nacionalista deixou claro que nun territorio articulado á marxe das estradas como é Meaño, é fundamental que a seguridade dos peóns se teña en conta, algo que a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Goberno Municipal teñen completamente descoidado. A proposta consistiu en instar ás administracións superiores para que actúen nas estradas que lle son da súa competencia. Solicitan beirarrúas inexistentes ou inacabadas en moitas das parroquias do concello, onde os veciños e veciñas se ven obrigados a atravesar de xeito arriscado e ao mesmo tempo piden unha correcta sinalización destas zonas para favorecer que os vehículos circulen dentro do límite de velocidade establecido, algo que non se cumpre e que preocupa á veciñanza. Na moción defendida lamentaron que parroquias como Xil e Padrenda non teñan nin un só paso de peóns e ao mesmo tempo denunciaron o mal estado das beirarrúas do concello, con lousas escachadas e levantadas que impiden que ás persoas con mobilidade reducida se despracen por elas. A retirada do paso de peóns de Coirón que realizou a Xunta de Galicia e á cal a veciñanza do lugar leva meses opoñéndose foi outro dos puntos chaves da proposta. A moción fixo reaccionar aos demais grupos da corporación, que se xustificaron indicando que en ocasións pasadas xa solicitaron melloras similares, mais ate o momento sen éxito, debido que a situación non mellorou.
A concelleira conseguiu unanimidade na votación e a moción saíu adiante co apoio de toda a corporación, polo que a partir de agora o BNG de Meaño fará un seguimento do proceso para que as administracións superiores dean resposta a esta solicitude de melloras que dende Meaño se fai e os veciños e veciñas vexan aumentada a súa seguridade. Naqueles lugares onde a competencia é municipal tamén se fixeron propostas de mellora concretas a Alcaldía, tales como a colocación dun paso de peóns que dea acceso ao Centro Médico polo lateral, xa que é unha zona moi concorrida e debe ter un acceso cómodo e seguro.
En materia de Saneamento dos Ríos o BNG de Meaño puido defender, por fin, unha moción que puxo sobre a mesa xa hai meses e que, debido ás trabas que a alcaldía pon á labor da oposición, tivo que esperar ao pleno de onte para poder ser discutida. O mal estado das augas dos ríos e regatos do concello, crítico no Río da Chanca á altura do Muíño da Birta en Dena, onde unha arqueta de saneamento ten un tubo que desafoga augas fecais sen depurar directamente no río en épocas de moita choiva, foi criticado polo grupo. Instar a Augas de Galicia para que vixíe o estado das augas e ofreza soporte, colaborando co concello para erradicar o vertido foi un dos acordos propostos polo BNG que a alcaldía discutiu, mais finalmente, a incoherente abstención do Grupo de Goberno, fixo que a moción saíse adiante cos 4 votos a favor da oposición.
Os nacionalistas pronunciáronse sobre o método de selección dun novo representante na Mancomunidade do Salnés, que levaba conxelada meses debido a que a secretaría do concello e da mancomunidade non o respaldaron. A proposta do alcalde Carlos Viéitez consistiu na elección dun único representante, posto que iso é o que máis o beneficia a nivel municipal e o que máis beneficia ao Partido Popular debido á situación acaída despois da moción de censura na mancomunidade. A concelleira deixou claro que esta fórmula incorre en fraude de lei, ao non ser respectada a proporcionalidade do Pleno, e negouse a participar no proceso de elección.
A situación precaria á que a xestión do Goberno Municipal conduce aos servizos públicos foi criticada ante a decisión de reducir o servizo da Escola Infantil Municipal o vindeiro curso escolar, que pasará de estar aberta ate as 20h a pechar ás 18h, reducindo o servizo en dúas horas ás familias que precisan conciliar familiar e laboralmente pola tarde.
O BNG evidenciou tamén o incumprimento dos compromisos que a Alcadía adquiriu nos últimos plenos, como é a realización das obras de suxeición dun valado desprendido na parroquia de Cobas ou o exercicio de transparencia sobre os complementos de produtividade do persoal municipal. Finalmente reclamouse que a Alcaldía cumpra a periodicidade dos plenos ordinarios establecida no Pleno de Organización, que leva incumprindo sistematicamente no que vai de ano, e agardan non verse obrigados a acudir ao Valedor do Pobo para poñer fin a esta situación.