HomePontevedraO BNG cualifica de “inocentada irresponsábel” que Caballero licite o bus urbano...

O BNG cualifica de “inocentada irresponsábel” que Caballero licite o bus urbano sen ampliar a flota nin recuperar frecuencias

- Anuncio -spot_img

Denuncia que os pregos aprobados só recollen a renovación dos vehículos máis antigos, pero mantendo a flota nos actuais 130 buses.

A fronte nacionalista vai solicitar a convocatoria extraordinaria e urxente do Consello Sectorial de Transportes e mais da Comisión Informativa de Fomento e Servizos para evitar que a licitación hipoteque a cidade con 9 anos máis dun servizo de bus insuficiente

Xabier P. Igrexas: “Sen máis autobuses e sen máis persoal non é posíbel recuperar as 250 frecuencias diarias suprimidas desde a pandemia, nin mellorar horarios, nin garantir puntualidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe que o inicio do proceso de licitación da xestión privatizada do servizo de autobús urbano de Vigo, coa publicación dos pregos e a apertura do prazo para presentar ofertas até o vindeiro 2 de marzo, ameaza con perpetuar un servizo deficiente durante nove anos máis.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu que, á falta de concluír unha análise pormenorizada das case 3 mil páxinas que integran o expediente aprobado polo Goberno municipal a última hora da mañá do día anterior, resulta unha “inocentada irresponsábel” a decisión de non ampliar a flota de autobuses, limitándose unicamente á renovación dos vehículos máis antigos e mantendo os actuais 130 buses.

Máis custo, pero sen máis buses

Para o BNG, esta decisión invalida de raíz calquera pretensión de mellorar o servizo. “Sen máis autobuses e sen máis persoal non é posíbel recuperar as 250 frecuencias diarias suprimidas desde a pandemia, nin mellorar horarios, nin garantir puntualidade”, denunciou Igrexas.

“O que se nos presenta é unha auténtica tomadura de pelo: Caballero vai licitar un servizo que encarece un 90% o seu custo anual pero sen asegurar o fundamental e o que reclama a cidadanía: máis buses, máis frecuencias e un servizo fiable”, subliñou.

Punto de partida nefasto

O portavoz municipal do BNG advertiu de que este modelo supón un “nefasto punto de partida” que, de non rectificarse, condenará Vigo a seguir hipotecada cun servizo de bus insuficiente e de moi baixa calidade, dilapidando “a maior oportunidade en trinta anos” para despregar un transporte público moderno, eficiente e vertebrador do territorio.

“Estamos a falar da posibilidade de transformar de verdade a mobilidade de Vigo e poñela á altura da maior cidade de Galiza. pero o Goberno municipal decide conformarse cun frustrante máis do mesmo”, criticou.

Explicacións e debate

Igrexas subliñou que aínda se está a tempo de evitar “un novo erro histórico” que castigue Vigo durante case unha década. Por iso, anunciou que o  BNG solicitará a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Transportes, que leva sen reunirse desde 2019, así como unha reunión extraordinaria da Comisión Informativa de Fomento e Servizos.

“O Goberno municipal debe dar explicacións, someterse ás preguntas da oposición e, sobre todo, escoitar propostas e alternativas para reconducir esta licitación antes de que sexa demasiado tarde”, reclamou.

O portavoz municipal nacionalista defende que “as viguesas e vigueses merecen un moito mellor servizo de autobús, capaz de revolucionar a mobilidade e así poder avanzarmos cara a unha cidade máis habitábel, máis verde e mellor conectada”. “O que non podemos permitir é que esta licitación frustre esas expectativas e consolide un modelo caro, ineficiente e afastado das necesidades reais da xente”, remachou.

Publicacións Relacionadas