O BNG da comarca de Pontevedra-Caldas comeza a preparación dos orzamentos da Xunta para 2025

adminON
Lectura mínima de 3

O deputado nacionalista Luís Bará reuniuse onte con responsábeis locais e portavoces do BNG da comarca para analizar a situación das infraestruturas, os servizos públicos ou a economía, e impulsar iniciativas para o debate no parlamento galego.

A mellora de estradas de titularidade autonómica, a falta de medios na sanidade e no ensino público, a ampliación de solo industrial e o saneamento dos ríos e das rías serán obxecto de especial atención no novo curso político 28.

Responsábeis locais do BNG da comarca de Pontevedra Caldas mantiveron onte un encontro de traballo en Pontevedra co deputado no parlamento galego Luís Bará para priorizar os temas da axenda política dos vindeiros meses en todo o que ten que ver con competencias do goberno galego e a súa repercusión na comarca (comprende desde os concellos de Pontecesures e Valga polo norte até Soutomaior, Ponte Caldelas e A Lama polo sur).
Un dos principais eixes de traballo ten que ver coa tramitación dos orzamentos da Xunta para o ano 2025. Na reunión de onte fixáronse os criterios de actuación unha vez que o anteproxecto de orzamentos entre no parlamento no presente mes de outubro, se coñezan os investimentos previstos na comarca e os proxectos que queden fóra. A previsión é elaborar unha batería de enmendas que inclúa tanto actuacións de ámbito comarcal (en materia de infraestruturas e de servizos) como proxectos de ámbito local que levan moito tempo adiados pola Xunta.

Na xuntanza tamén se analizaron os principais ámbitos de traballo parlamentario en relación coa comarca: o impulso de infraestruturas viarias pendentes como a variante do Vao en Poio e a variante de Alba en Pontevedra; a mellora da atención sanitaria coa construción de novos centros de saúde e a cobertura de persoal médico en atención primaria; as demandas de incremento de persoal docente en numerosos centros da comarca; a necesidade de ampliación do solo industrial (O Campiño e Fraga Moreira), a dragaxe da canle do río Lérez, a crise do sector marisqueiro, ou as actuacións pendentes en materia de saneamento, depuración e contaminación nas rías de Pontevedra e Vigo e nos ríos Ulla e Umia.
Máis alá do debate orzamentario que comezará no presente mes de outubro, o BNG levará ao parlamento iniciativas específicas sobre estes temas.

Por último, na xuntanza de onte tamén se acordou facer seguimento dos numerosos proxectos eólicos que se están reactivando en toda a zona (O Morrazo, O Castrove, O Acival, Terra de Pontes, Cotobade, A Fracha, A Lama e O Suido), a presentación de alegacións no período de información pública e a presentación de mocións nos plenos e iniciativas no parlamento galego co obxecto de frear a avalancha eólica depredadora promovida pola Xunta do PP.

Comparte este artigo