O BNG da Estrada presentou no pleno celebrado onte unha moción para expresar o rexeitamento do Concello ao tratado comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, ao considerar que supón unha ameaza directa para os intereses dos gandeiros e agricultores da Estrada e do conxunto de Galiza.
A moción nacionalista buscaba facer explícita a oposición a un acordo que foi impulsado e aprobado en Europa por PP e PSOE e que, na práctica, abre a porta á entrada de produtos procedentes de terceiros países en condicións que non cumpren cos estándares que se esixen ao sector agrario europeo.
Porén, a iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular, que optou por presentar a súa propia moción coa que, segundo denuncia o BNG, pretenden escenificar unha defensa do sector agrario sen levarlle a contraria nin pedir nada ao seu propio partido, que foi unha peza fundamental na aprobación deste tratado.
Desde o BNG sinalan que calquera persoa que lea a moción do PP pode comprobar que se trata dun texto pensado unicamente para quedar ben e facer como que fan algo, sen cuestionar realmente un acordo que prexudica gravemente ao noso sector primario.Para o grupo nacionalista, o sucedido no pleno volve demostrar quen está do lado dos gandeiros e agricultores e quen está do lado das grandes empresas multinacionais, que serán as principais beneficiadas deste tratado mentres os prexudicados, como sempre, serán os de abaixo.
No mesmo pleno tamén se aprobou por unanimidade o manifesto institucional polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O texto recoñece explicitamente o apoio de todos os partidos da corporación aos feminismos e á loita pola igualdade. Desde o BNG valoran positivamente este acordo, aínda que lamentan que o Partido Popular non manteña esta mesma postura en todos os ámbitos políticos.
Na quenda de rogos e preguntas, o BNG puxo sobre a mesa diversas cuestións de interese para a veciñanza. Entre elas, denunciouse o mal estado no que quedou o espazo do antigo punto de contedores subterráneos da rúa Justo Martínez, así como a falta de semáforos no cruce da avenida Castelao.
Ademais, o grupo nacionalista solicitou información ao alcalde sobre a situación da anunciada Planta de Procesado de Mazá e sobre a promesa da creación dun novo centro de diálise na Estrada.
Tamén se preguntou polo contrato do servizo de recollida do lixo, que foi solicitado por escrito polo BNG. Segundo explicaron, o alcalde cualificou de ridículo que se solicite este contrato alegando que o servizo está actualmente en situación de precario.Desde o BNG lembran que o goberno municipal leva 14 anos sen ser capaz de sacar adiante dous dos principais contratos do Concello, como son o da recollida do lixo e o da auga, e consideran inaceptable que se critique ao grupo nacionalista por exercer a súa labor de control.
Algún documento terá que existir, porque desde logo non pensamos que a empresa recolla o lixo por solidariedade coa veciñanza, conclúen.



