Xoán Reices: “É indignante que o PP vote en contra de arranxar esta estrada mentres os veciños e o transporte escolar circulan por esta estrada entre fochancas”
O BNG da Estrada quere denunciar publicamente o estado de abandono absoluto no que se atopa a estrada autonómica PO-213 (Aguións – Ponte Ulla), concretamente no tramo de 1,5 quilómetros entre o cruce da Ponte de Sarandón e o Areal de Berres. Unha situación que o portavoz municipal, Xoán Reices, cualifica de “insostible e de alto risco para a seguridade vial”.
Un “parche” electoralista e o esquecemento do rural
Desde a formación nacionalista denuncian que, con motivo da última edición do Rally, realizouse un arranxo parcial desde a Ponte de Sarandón cara á Estrada, pero deixouse totalmente esquecido o tramo cara á Ponte Ulla. “Coas choivias do inverno, o firme degradouse ata o punto de que é imposible circular a máis de 40 km/h sen comprometer a seguridade do vehículo”, explica Reices.
Este tramo é unha arteria vital para a mobilidade diaria de centos de veciños e veciñas de Arnois, Berres e Ribeira na súa conexión con Santiago, Vedra ou Teo. “Non estamos falando só de comodidade, falamos de que por aquí pasa o transporte escolar e un tráfico pesado constante de camións. O PP de Rueda e o alcalde Gonzalo Louzao están permitindo que esta estrada sexa unha xincana perigosa”, sinala o portavoz do BNG.
O “non” sistemático do Partido Popular
O BNG lembra que esta non é unha reclamación nova. Xa hai dous anos todas as formacións políticas con representación no pleno reuníronse coa veciñanza afectada e asinamos unha moción conxunta que “polo que se ve o goberno local enviou ao caixón do esquecemento”.
“O cinismo do PP non ten límites”, denuncia Xoán Reices. “Mentres no Concello din que ‘están niso’ en resposta ás nosas preguntas no pleno, a realidade é que o PP votou sistematicamente NON ás emendas presentadas polo BNG nos orzamentos da Xunta para o arranxo integral deste vial. Prefiren a disciplina de voto en Santiago que defender os intereses e a seguridade dos estradenses”.
Exixencia de actuación inmediata
O BNG da Estrada exixe á Xunta de Galiza a licitación inmediata das obras de pavimentación e mellora da seguridade neste tramo. “Tanto Rueda como Louzao gobernan con maioría absoluta; non teñen escusas de falta de orzamento nin de bloqueos políticos. O que hai é unha falta total de vontade política e un desprezo absoluto pola zona rural da Estrada”, conclúe Reices.
A formación nacionalista avanza que seguirá recollendo o malestar veciñal e non descarta novas accións de presión se a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas non dá unha resposta satisfactoria e urxente.



