HomeTabeirósA EstradaO BNG da Estrada leva ao Parlamento a expropiación da Torre e...

O BNG da Estrada leva ao Parlamento a expropiación da Torre e o Pazo de Guimarei

- Anuncio -spot_img

Susana Camba: “A expropiación é o único camiño se queremos conservar o noso patrimonio”

Montse Prado: “A Xunta non pode permitir que un patrimonio deste valor, e declarado BIC, estea totalmente abandonado e en estado de ruína, ten instrumentos para actuar e ten a obriga de facelo. Hai lexislación específica para protexer o noso patrimonio e non pode ficar só nun papel”

A Estrada, 8 de outubro de 2022: O BNG da Estrada traslada ao Parlamento a situación da Torre e o Pazo de Guimarei, e, a través dunha iniciativa presentada pola deputada nacionalista Montse Prado, insta á Xunta a expropiar ambos elementos patrimoniais do noso concello.

Militantes da organización nacionalista da Estrada acompañaron na mañá de hoxe á deputada do BNG, Montse Prado, a coñecer in situ a situación na que se atopan a Torre e o Pazo de Guimarei. A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que “o estado de abandono da Torre, que é un elemento catalogado como BIC pola Xunta de Galiza en 1994, e os reiterados incumprimentos por parte do propietario, así como o pasotismo do goberno municipal, levounos a presentar esta iniciativa para que a Xunta expropie a Torre e o Pazo de Guimarei, que é a única alternativa que nos queda se queremos conservar o noso patrimonio”.

Pola súa parte, a deputada do BNG, Montse Prado, explicou que a Xunta non pode permitir que un patrimonio deste valor, e declarado BIC, estea totalmente abandonado e en estado de ruína. Ten instrumentos para actuar e ten a obriga de facelo. En caso de non ser posíbel o acordo cos propietarios para a súa adquisición, a Lei 5/2016 no seu artigo 51 “faculta á Xunta de Galiza á expropiar elementos patrimoniais catalogados como BIC, cando se pon de manifesto o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural.

“Por outra parte,” engade a deputada do BNG, “a lei citada tamén contempla a expropiación dos elementos anexos á Torre, isto é o Pazo do século XVII, así como outras estruturas pertences a este, apelando ao apartado 3 do citado artigo, que di que ‘Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social.’”

Posta en valor

A expropiación que propón o BNG terá como fin a posta en valor dos elementos expropiados, así como a protección deste elemento do patrimonio cultural da Estrada en particular e de toda Galiza.

A deputada Montse Prado explica que “o artigo 51, apartado 4 da Lei 5/2016 é claro nos obxectivos que se perseguen, que non é outro que protexer o noso patrimonio, iso en primeiro lugar, e facultar ás administracións pública a levar adiante actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio co obxecto de facilitar a visita pública e desfrute polos veciños e veciñas, cousa que agora, obviamente, non se dá”.

A concelleira do BNG, Susana Camba, indicou tamén que rexistrará unha moción no concello para instar á Xunta a expropiar o Pazo e a Torre. “Entendemos que todos os grupos con representación teñen claro que a Torre de Guimarei, mais tamén o Pazo, non poden estar permanentemente nunha silveira, unha situación na que leva décadas, deteriorándose cada ano que pasa”, afirma. “Cremos tamén que ao propietario démoslle xa demasiado tempo para que tome tome medidas para consolidar e conservar o BIC que ten en propiedade”, engade a concelleira nacionalista, “así que é hora de que o concello pase á acción”.

“Sabemos que o concello por si mesmo non o pode facer”, explica a concelleira nacionalista, “non pode expropiar estes elementos patrimoniais, entre outras cousas por unha cuestión económica, mais si pode presionar á Xunta para que tome a iniciativa”. “Agardemos que todas as forzas políticas con representación no concello estean á altura do que o noso patrimonio necesita”, afirma.

Publicacións Relacionadas