A formación nacionalista denuncia que os recentes parches do Ministerio son unha “chambonada” que non soluciona os problemas estruturais da vía; exixe ao Goberno español a súa reparación integral
O BNG da Estrada volveu poñer o foco na “situación de abandono absoluto” que sofre a estrada nacional N-640 ao seu paso pola comarca e concellos veciños. Nunha acción de denuncia simbólica pero efectiva, militantes da formación nacionalista procederon á colocación de balizas luminosas, semellantes ás que obriga a DXT a utilizar nos vehículos, para sinalizar as numerosas fochancas, fendas e irregularidades que converten esta vía estatal nun perigo constante para a seguridade viaria.
Unha “chambonada” de asfaltado
Dende o BNG cualifican de “insulto á veciñanza” as intervencións realizadas polo Ministerio de Transportes nos últimos meses. Segundo a formación, os traballos de asfaltado foron unha auténtica “chambonada”: limítanse a tapar buracos de xeito superficial sen corrixir o firme degradado, o que provoca que as fochancas volvan aparecer ás poucas semanas, especialmente coas choivas.
“A N-640 é un desastre e o Goberno español mira para outro lado mentres os nosos veciños e veciñas xogan o tipo e os seus vehículos sofren avarías diarias”, denuncian dende o BNG da Estrada.
Acción reivindicativa
Coa colocación das Balizas o BNG pretentende sinalar directamente ao Executivo español como responsable da falta de mantemento dunha infraestrutura que é vital para a vertebración da nosa localidade.
Reclamación de investimentos reais
O BNG da Estrada reitera a súa petición ao Goberno español para que execute de inmediato un proxecto de rehabilitación integral. Non reclaman máis “parches”, senón un fresado e asfaltado completo con materiais de calidade que garantan a adherencia e a seguridade.
“Non podemos permitir que unha estrada estatal presente este estado de ruína no ano 2026. É unha cuestión de seguranza vial elemental”, conclúen.



