Fariña manifesta a súa preocupación polo precario estado da estrada estatal que atravesa o municipio termal: “Precisamos unha actuación integral, non parches”
O BNG de Caldas, a través do tenente de alcalde Manuel Fariña, esixirá ao delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, a mellora da N-550 ao seu paso pola vila. O mandatario nacionalista fará a reclamación aproveitando a visita que fará mañá a Caldas o responsábel estatal para coñecer o estado das obras de mellora da Carballeira e o Botánico dada a súa “profunda preocupación polo estado precario” do viario estatal que é utilizado diariamente por milleiros de veciños e veciñas.
Esta vía de competencia do goberno central presenta un notable deterioro que afecta tanto á seguridade viaria como á economía local, segundo denuncia Fariña. A estrada, lembra o Bloque, é unha ruta fundamental para chegar a Caldas, cabeceira de comarca e referencia para moitas actividades, así como punto neurálxico do turismo para visitantes que chegan ao centro urbano chamados pola Carballeira e o Botánico que se están a recuperar. “Resulta chamativo que esteamos a mellorar o noso patrimonio natural, mais as nosas infraestuturas sigan a estar en condicións moi deficientes, e cun tránsito elevado que ten que pasar por fochancas e pavimentos destrozados”, advirte o nacionalista.
Fariña lembrará a Blanco que, a pesar de que recentemente se realizaran algunhas actuacións de mellora no pavimento, estas demostraron ser totalmente insuficientes, xa que non pasaron a proba dos últimos temporais. Segundo o tenente de alcalde e socio de goberno en Caldas, a N-550 ao seu paso polo centro necesita unha actuación integral “ e non parches que non duran dous días”.
O voceiro do BNG subliña que ademais de adaptar os treitos urbanos e mellorar o firme, é necesario implantar elementos de seguranza viaria, especificamente de calmado de tráfico e redución de velocidade.
A máis da N-550 ao seu paso polo centro da vila, Fariña tamén lembrará a Blanco a necesidade melloras na N-640. “É necesario que os compromisos se traduzan en feitos, que se vexan as obras”, reclama Fariña ante os constantes anuncios do goberno central de que se está a actuar en diferentes treitos de estradas de competencia estatal.
O tenente de alcalde lembrará ao delegado a necesidade dun trato igualitario para o municipio, que considera que sofre desigualdades respecto a outras localidades, ás que si se lles atenden as reclamacións en materia de infraestruturas. Lembra así que a día de hoxe aínda segue sen atender a necesaria circunvalación de Caldas para aliviar de tráfico do núcleo urbano, toda vez que a veciñanza tipo que defender na rúa o seu rexeitamento á última variante por dividir o municipio e non resolver os problemas de comunicación e circulación.

