HomeO SalnésMeañoO BNG de Meaño exise a reposición a tempo completo do médico...

O BNG de Meaño exise a reposición a tempo completo do médico de Dena e recolle sinaturas para dotar o Salnés dunha ambulancia a maiores no verán

- Anuncio -spot_img

A ambulancia medicalizada que dá cobertura aos concellos do Salnés ten base en Vilagarcía durante todo o ano, mais coa chegada do verán o goberno do PP da Xunta cámbiaa para Sanxenxo, decisión que o BNG critica dende hai anos e solicita que se dote á comarca dunha ambulancia a maiores na época estival. Debido ao aumento de poboación no verán faise imprescindible reforzar o servizo para atender rapidamente as emerxencias sanitarias e sosteñen que a capacidade de actuación é fundamental para o desenlace positivo das mesmas. A petición foi presentada no Parlamento galego xunto coas sinaturas recollidas na comarca e o bloque meañés tratará o asunto no vindeiro Pleno municipal a celebrarse a finais de xullo.

Por outra banda, o BNG de Meaño reitera a denuncia pola falta de médico a tempo completo no Centro de Saúde de Dena e critica que a Xunta estea “parcheando” a situación cun profesional que consulta soamente unhas horas. Logo da manifestación de maio na que a veciñanza amosou o seu malestar pola falta de médico, a Consellería de Sanidade repúxoo, mais agora, un mes despois, a situación volve ser crítica debido a que soamente hai atendemento unhas horas ao día, sendo cada día un profesional diferente quen atende aos pacientes.

 Así mesmo critican a pasividade do alcalde Carlos Vieitez, quen en ningún momento fixo nada por poñer fin a esta situación. No último pleno celebrado en xuño o BNG presentou unha moción mediante á que se acordou instar á Xunta de Galicia a que repoña todos os profesionais sanitarios dos centros do concello, mais lamentan que este acordo non se estea cumprindo, polo que seguirán loitando ata que a veciñanza teña o servizo sanitario que lle corresponde.

Publicacións Relacionadas