Trala crítica situación que se viviu no Centro de Saúde de Dena nos últimos meses debido á falta de Médico, o BNG de Meaño levou ao Pleno do pasado xoves 29 de maio unha Moción para defender a Sanidade Pública do concello. A proposta insta ao goberno do PP da Xunta de Galiza, responsable da xestión sanitaria, á reposición do persoal sanitario sen excepción en caso de baixa. A agrupación meañesa logrou o acordo unánime da corporación coa intención de impedir que se volvan repetir carencias de persoal sanitario no concello como a dos pasados meses. A sanidade é un dereito de toda a veciñanza, e resulta lamentable para a organización nacionalista que a veciñanza se vexa obrigada a protestar e loitar polo que xa lle corresponde.
Na mesma sesión plenaria aprobouse unha ordenanza para regular as axudas ás persoas en situación de emerxencia social. O BNG de Meaño manifestou o positivo que supón esta regulación e indicou que a considera insuficiente. Critican que é moi xeral e que non contempla certas casuísticas ante ás que se debe actuar para atender as necesidades das persoas en situación vulnerable. Solicitaron que a Alcaldía teña en conta as carencias da ordenanza e se establezan mecanismos para dar resposta aos casos que non contempla a mesma.
O BNG deu o seu apoio á Moción de Meaño Independiente para solicitar que a Xunta de Galiza dote ao CEIP Coirón-Dena dun mestre de Audición e Linguaxe a tempo completo o próximo curso escolar. A concelleira Rosana Domínguez criticou a xestión educativa do goberno do PP na Xunta de Galiza e indicou que é preciso dotar as escolas de máis persoal especializado para atender como é debido á totalidade do alumando e concretamente ó alumnado con Necesidades Educativas Especiais.