Castelao visitou Meaño da man de Marta Dacosta.
O pasado venres 21 de novembro tivo lugar no Pazo de Lis (Meaño) un acto público para conmemorar o Ano Castelao, polo 50 aniversario do falecemento no exilio do político, escritor e artista. Para esta xornada o BNG Meañés contou coa presenza de Marta Dacosta, poeta, mestra e divulgadora da figura de Daniel Castelao, que reivindicou a súa clara condición nacionalista, lembrando as palabras da súa muller, Virxina Pereira, “todo o arte do noso Castelao, debuxos, escritos, conferencias, etc, son esencialmente política”.
O xoves 20 de novembro realizaron unha xuntanza coa veciñanza na parroquia de Padrenda debido ás constantes fallas no alumeado público nas últimas semanas. O grupo recolleu as queixas dos veciños/as sobre este e outros asuntos, que trasladarán á alcaldía no Pleno ordinario do vindeiro xoves día 27.
Critican a tardía intervención para buscar a procedencia da avaría e agardan que a situación volva á normalidade canto antes. Afirman que é necesario cubrir a praza de electricista municipal, deserta dende xuño de 2024 para realizar traballos de mantemento e atallar as incidencias no alumeado cando aínda son leves.
Na sesión deste xoves volverán poñer sobre a mesa a ausencia de beirarrúas nas distintas parroquias, unha demanda histórica da veciñanza, e esixirán solucións para aqueles puntos perigosos da PO 303 ao seu paso por Padrenda, Xil, Meaño e Simes debido á excesiva velocidade dos automóbiles e á falta de pasos de peóns.
Solicitarán un método alternativo de recollida do lixo naquelas zonas ás que o camión non accede e incidirá unha vez máis na importancia da suxeición, limpeza e arranxo dos colectores. O arranxo das arquetas do saneamento público que fan un ruído estrepitoso, ocasionando molestias á veciñanza, tamén será solicitado, entre outros.
Tratándose da última sesión ordinaria a celebrarse neste 2025, o BNG de Meaño esixirá a elaboración dun orzamento para o 2026 que contemple a contratación de máis persoal para dotar ao concello dos recursos humanos suficientes que permitan dotar á veciñanza duns servizos de calidade.



