O BNG de Meis, en relación ao expediente para a construción das instalacións do parque eólico Castrove publicado onte no DOG, ven de presentar, ante a xefatura territorial de Pontevedra da consellería de economía e industria, alegacións para paralizar este espolio ao noso monte que só busca beneficiar a empresas depredadoras, apoiadas en todo momento polo Partido Popular na Xunta, e que chega a falar dos beneficios do inventado “turismo eólico” como compensación da destrución dos nosos montes.
Entre as alegacións presentadas destacamos; a invasión de zonas de especial protección. O recoñecemento de que non xera postos de traballo, quedando como medida compensatoria da destrución do hábitat o turismo eólico tal e como aparece na páxina 950 do estudo presentado. A fragmentación fraudulenta do proxecto. O incumprimento dos principios de transparencia dos poderes públicos. A Repercusión directa sobre tres elementos fundamentais da zona como son o Mosteiro da Armenteira, o Mosteiro de Poio e o Camiño de Santiago na súa variante espiritual que non é analizado no estudo de impacto ambiental e que pasa xustamente onde se pretende proxectar o parque eólico. A afectación ao patrimonio cultural e arqueolóxico; entre outros bens catalogados como interese cultural, BIC, nomeadamente o Mosteiro da Armenteira e o Mosteiro de Poio. A afectación a núcleos de poboación con grave prexuízo non só para o benestar e a saúde da poboación, senón tamén para o valor patrimonial dos inmobles.
Polo cal solicitamos que se proceda a resolver negativamente calquera autorización relacionada co devandito parque eólico.