O BNG de Meis, presentou emendas aos orzamentos do Partido Popular na Xunta para mellorar o acondicionamento dos centros de saúde do noso Concello.
Despois de advertir que non hai orzamento real para o novo centro de saúde, que debería construírse nos terreos da casa de Parga habilitados para iso, dende o BNG de Meis consideramos máxima prioridade o adecentamento dos centros de saúde da Rochela e San Martiño e para iso presentamos unha emenda cun estudo económico do que custaría o seu acondicionamento.
Estes centros de saúde son os únicos que quedan no noso concello despois do peche definitivo do centro de saúde de Paradela. O feito da futura construción dun novo centro de saúde non pode servir de escusa perfecta para o total abandono dos centros de saúde actuais. Lembramos que a veciñanza segue a facer uso destes centros a día de hoxe, cando temos a sorte de ter persoal sanitario, e que as persoas enferman hoxe e non poden esperar a un novo centro de saúde que non sabemos cando estará dispoñíbel mentres os que usamos caen a pedazos por falta de mantemento. Por esta razón a emenda para o adecentamento dos centros de saúde é hoxe máis necesaria que nunca.
Ademais o BNG presentará novamente unha emenda para o remate, ou no seu caso a desafección dos terreos, da parcelaria na zona da Armenteira e san Martiño e as rutas de transporte de pasaxeiras por estrada no marco das emendas presentadas desde a comarca para mellorar a situación do Salnés.