No pleno extraordinario do 3 de novembro de 2023 o PSOE subiu o IBI e a taxa do lixo un 20%. Ao comezar o pleno, o BNG advertira que o pleno era nulo de pleno dereito, e polo tanto, A DECISIÓN DE SUBIR IMPOSTOS tamén o era. O PSOE ignorou a advertencia do BNG. Por certo, advertencia que xa fixeramos no pleno de setembro e que o PSOE ignorou tamén.
O día 6 de Novembro o BNG presenta un recurso de reposición e o día 7 ao PSOE non lle queda máis remedio que convocar outro pleno extraordinario porque recoñecen que o pleno era NULO.
O pleno é nulo porque non se respectan os dereitos democráticos das concelleiras, e polo tanto, da veciñanza de Meis. Pois ben, unha vez recoñecido polo PSOE esta falta de respecto convocan o novo pleno extraordinario o día 10 ás 9:15 da mañá, sabendo que todas as concelleiras excepto as 3 liberadas polo PSOE (e que supuxeron un aumento de soldo dun 63%) temos moi difícil a nosa asistencia por mor dos nosos traballos, o cal significa menosprezar, non so ás concelleiras de Meis, senón á totalidade da veciñanza de Meis que tamén ten imposíbel acudir a esa hora a un pleno extraordinario de tanta importancia para a súa economía.
O 10 de maio do ano 2022 o PSOE convocou un pleno extraordinario as 21 horas, e citamos o que se publicou dende o concello: “Convídase aos veciños a asistir e seguir a sesión no salón de plenos pola importancia do tema a tratar”. Como vemos cando ao PSOE lle interesa utiliza os medios do concello como a súa finca privada para chamar á veciñanza e pon o pleno a unha hora que podan asistir, pero nun pleno desta importancia ponse as 9,15 da mañá para impedir que a veciñanza poda asistir e ademais non se publica nada dende o concello.
Ante tamaño atraco democrático o BNG adianta que non vai participar desta chapuza e non vai a asistir a este pleno da vergoña, aínda que adiantamos que imos presentar todas as alegacións posíbeis para intentar paralizar esta inxustísima subida que afoga á nosa veciñanza. Para rematar, esperamos que, xa que van a levantar a man por segunda vez nunha semana para subir os impostos á veciñanza de Meis, teñan o mínimo decoro de non cobrar as indemnizacións por asistencia os 3 membros do goberno que non teñen dedicación exclusiva.