O portavoz nacionalista Anselmo Noia advirte que o estancamento actual agravarase coa marcha do secretario municipal
O grupo municipal do BNG en O grove vén de denunciar publicamente a parálise case total do Concello meco e a demora inxustificada de máis dunha ducia de obras e actuacións. O voceiro da formación nacionalista Anselmo Noia subliña que hai unha “total falta de xestión” por parte do goberno de José Cacabelos e o seu equipo ante as necesidades da veciñanza “que só se salva polas traballadoras e traballadores municipais”.
O BNG critica que o goberno do PSOE non atende os proxectos estruturais fundamentais para o municipio e simplemente se dedica a realizar vídeos de propaganda e a intentar enmascarar a súa incompetencia con anuncios e actuacións ‘pantalla’ de tipo populista como, por exemplo, o incremento de luces de Nadal no centro da vila, que están ben pero non van ó miolo do asunto, frear a decadencia da vila. “Este goberno está cada vez máis afastado da realidade. Non sabemos se non hai capacidade para facer as cousas ou deixamento, e tampouco sabemos que é o peor”, sostén Noia.
O voceiro nacionalista destaca que a pesar de dispoñer de fondos e ter proxectos aprobados, as obras que están en marcha non saen adiante e as que hai que iniciar non se empezan ou fanse de mala maneira. Segundo Noia, existen moitos exemplos do “abandono evidente” de todo o equipo de goberno con Cacabelos á cabeza.
A lista de “deberes por facer” do goberno local inclúe a falta de pintado e sinalización dos pasos para peóns e rúas da vila, especialmente no cruce da avenida Portugal con Luís A. Mestre ou a inexistente rotonda de Terra de Porto na que non se teñen nin sequera instalado sinais de paso e advertencia, algo que se lamentará cando pase algún accidente grave.
Está tamén por acometer o retranqueo do muro para a ampliación da saída do aparcamento da Rúa Entrehortas, que se prometeu ter feito nun prazo de 15 días a un mes “e van dous meses e segue sen estar listo, sen sequera aliviar o paso de persoas e vehículos mentres se tiña paralizado as últimas semanas. Agora o alcalde di que se retoman os traballos despois dunha paralización que achaca a cuestións administrativas pero das que non dá explicación. A ver canto máis se demora”, cuestiona Noia. “Neste goberno non fan as cousas que teñen que facer, e as poucas que fan tardan meses en facelas efectivas”, insiste.
Outro dos exemplos de parálise que expón o BNG é que a pesar de ter cartos a disposición grazas ás modificacións de crédito aprobadas pola Corporación en Pleno, os asfaltados e obras incluídas seguen sen se poñer en marcha, “o que evidencia a nula capacidade de xestión”.
Tamén se critica que, se ben existe un proxecto para restaurar a iluminación completa do campo de fútbol do Monte da Vila e incorporar marcadores desde hai meses, simplemente se cambiaron un par de luminarias defectuosas.
Para o BNG a situación “é moi grave” e afecta moi negativamente á vida das veciñas e veciños tanto na súa seguranza no caso das estradas, como na súa calidade de vida”. Lonxe de mellorar, advirte Noia, a parálise de proxectos, obras e actuacións vai empeorar pola marcha do secretario do Concello, “que prolongará a ralentización de expedientes”.
Sostén o grupo municipal nacionalista que o goberno debe traballar para cubrir a vacante en lugar de “parchear” a situación co préstamo do secretario por parte da Illa de Arousa, unha solución igual á que se plantexou no departamento de Urbanismo coa arquitecta, que despacha os asuntos tamén un só día á semana de prestado e “grazas á xenerosidade do tenente de alcalde e concelleiro de emprego do BNG da Illa de Arousa, Manuel Suárez, que cogoberna nese concello”.