O BNG de Ogrobe pide unha ordenanza específica para regular o uso do Auditorio Municipal e a contratación de persoal para garantir o seu bo funcionamento

Redacción

O voceiro Anselmo Noia subliña que a falta de criterios claros do Concello para ordenar as actividades provoca “percepcións de ‘amiguismo’ e trato desigual”  

O grupo municipal do BNG de Ogrobe levará ao vindeiro Pleno unha moción para reclamar ao goberno local a elaboración dunha ordenanza específica que regule o uso do Auditorio Municipal, así como para demandar a contratación de persoal estable que garanta o correcto funcionamento do espazo cultural.

O voceiro nacionalista Anselmo Noia considera que o Auditorio é unha infraestrutura “fundamental” para a vida cultural, social e veciñal do municipio, mais denuncia que na actualidade non existe unha normativa adaptada ás súas características específicas. O regulamento vixente, apunta o nacionalista, engloba todo tipo de espazos culturais municipais, desde bibliotecas ata casas de cultura ou locais sociais, sen distinguir as necesidades particulares dun auditorio.

Desde o BNG advirten de que esta situación xera inseguridade xurídica e pode provocar “percepcións de ‘amiguismo’ ou trato desigual” á hora de conceder, denegar ou establecer condicións de uso do espazo. Por este motivo, a formación nacionalista solicita que o goberno municipal elabore no prazo máximo de seis meses unha ordenanza reguladora que estableza criterios obxectivos e transparentes de asignación do Auditorio, baseados na priorización da veciñanza, no interese social e cultural das actividades e na antigüidade das solicitudes.

A proposta inclúe tamén a publicación do calendario de reservas e das entidades beneficiarias na web municipal, así como a creación dun sistema claro de taxas diferenciadas para persoas empadroadas, asociacións locais sen ánimo de lucro e persoas usuarias ou empresas de fóra do concello.

Ademais, o BNG reclama a creación dunha praza de persoal de conserxería responsable da apertura, peche, mantemento básico e apoio ás persoas usuarias, así como dunha praza  técnica de son e iluminación para garantir a correcta utilización do equipamento existente, de alto valor económico.

Segundo defende o Bloque, a falta destes postos limita os horarios de apertura, dificulta a organización profesional das actividades e pode comprometer a conservación do material técnico do auditorio. A formación nacionalista pide que ambas prazas sexan incorporadas ao cadro de persoal municipal e á próxima oferta pública de emprego ou, no seu defecto, que se habiliten os mecanismos para a súa cobertura.

Comparte este artigo