HomePontevedraPoioO BNG de Poio advirte que Moldes quere anular a protección dun...

O BNG de Poio advirte que Moldes quere anular a protección dun ben catalogado no PXOM para construír vivendas en Punta Sinás

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas subliña que o informe xurídico emitido polo secretario é “demoledor” contra a descatalogación e esixe unha motivación reforzada do interese público

A voceira nacionalista advirte que o cambio no planeamento sentará “un precedente perigoso” en favor de lucros privados

O BNG de Poio vén de advertir que o alcalde Ángel Moldes está a xestionar a anulación da protección dun ben catalogado e con protección no PXOM para construír vivendas en Punta Sinás. A voceira Marga Caldas así o denunciou logo de que o goberno local levase onte ao Pleno o expediente para iniciar a descatalogación do eucaliptal e o monolito preto do núcleo de Raxó, que agora teñen unha protección ambiental  que impide calquera tipo de edificación. A nacionalista destaca que non hai xustificación ningunha de interese público para realizar a modificación do planeamento e advirte que aprobar o cambio suporá un “precedente perigoso en favor de lucros privados” . “Non se sostén legalmente que o Concello deixe a parcela fóra do catálogo para poder construír. Non hai ningún informe que o avale. Todo o contrario, o informe xurídico do secretario municipal é demoledor. Parécenos un procedemento irregular”, xustifica Caldas.

O Bloque votou en contra do inicio da tramitación da descatalogación. O grupo municipal explica na protección inclúese un eucaliptal próximo á praia de Sinás, en Raxó, que se describe como unha pequena península  situada entre a costa e a estrada xeral con rochas, eucaliptos e piñeiros, un obelisco no medio da parcela (de máis de 3.000 metros cadrados) con vistas da ría, da praia e do peirao. A ficha de catalogación sinala que o grao de interese é ambiental e local, e que por tanto só está permitida a restruturación integral e queda prohibida calquera tipo de edificación. Os terreos colindantes están cualificados como solo urbano, permitindo, aí si, edificacións de baixa densidade unifamiliar con vivendas illadas ou adosadas con máximo dúas plantas.

Segundo Caldas, o Concello de Poio debería defender o interese común e non pregarse a intereses privados, sobre todo porque non hai un só informe favorable para tomar a decisión de descatalogar a parcela de Punta Sinás. O único informe existente, de tipo xurídico, elaborado polo secretario municipal, advirte claramente de que é necesario reforzar a motivación do interese xeral.

Ante isto Caldas sinala que se o expediente se aproba finalmente sentarase un “precedente moi perigoso” de cara ao futuro. “Isto é un efecto chamada. Amparando esta solicitude dun privado sen ningún tipo de argumento de interese público nin informe positivo só se dan alas ás promotoras. Isto é un aliciente, polo  que temos que preguntarnos que intereses moven a Moldes para darlle saída”, cuestiona a nacionalista.

A voceira destaca que, ademais, existen precedentes que deben frear a descatalogación do eucaliptal del Punta Sinás. O propio secretario municipal lembra que o tema xa foi abordado en sede xudicial e hai unha sentenza de 2022 do TSXG que subliña que “estamos ante un elemento de estamos ante un elemento de importante valor ecolóxico, paisaxístico e ambiental situado en Punta Sinás, lugar onde converxen dúas praias e que se divisa desde practicamente toda a zona costeira, o que indubidablemente aconsella a súa inclusión no Catálogo como protección ambiental, tal e como se sinala na ficha 129. E o impacto ambiental e paisaxístico que provocaría a construción das dúas vivendas unifamiliares non debe ser tolerado pola Administración en defensa do interese xeral. (…) Neste sentido, no acto da proba ponse de manifesto que a escasos 3 metros do penedo atópanse os restos, e que as vivendas proxectadas estarían situadas a uns 3 metros do monólito que a ficha sinala está no medio do eucaliptal como elemento protexido. E retomando co inicialmente exposto, a ficha asígnalle un grao de interese local e un tipo de interese ambiental: prohibindo calquera tipo de edificación no elemento protexido, contemplando exclusivamente a súa reestruturación integral. E aínda cando se fai constar no informe pericial xudicial que devandito monólito ou obelisco está totalmente destruído, recoñece que é certo que se conservan os restos visibles ao redor do que sería a localización orixinal. A consecuencia, si que é posible situar o referido elemento protexido –sen esquecer que non é o único- (…)”.

Publicacións Relacionadas