HomePontevedraPoioO BNG de Poio alerta de que o estudo económico do novo...

O BNG de Poio alerta de que o estudo económico do novo contrato da auga recoñece que o Concello vai cobrar polo saneamento entre un 60% e o 179% máis nos primeiros tres anos de ‘taxazo’

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas subliña que o informe “dá claramente a razón” ao Bloque sobre a subida do recibo e confirma que Moldes está a maquillar o impacto

O BNG de Poio alertou hoxe de que o estudo económico do ‘taxazo da auga’ recoñece que o goberno de Moldes vai cobrar polo saneamento entre un 60% e o 179% máis nos tres primeiros anos de contrato sobre os recibos do último ano do goberno nacionalista. A voceira Marga Caldas subliña que o informe dá claramente a razón ao Bloque sobre as súas denuncias pola subida desproporcionada da taxa e confirma que o PP está a maquillar o impacto que supón o novo recibo para as economías das veciñas e dos veciños.

Caldas explica que o goberno pretende aprobar mañá en comisión extraordinaria de Facenda o inicio da licitación do contrato da auga. No expediente inclúese o estudo económico financeiro do servizo que agora vén a desvelar as cifras de ingresos e gastos polo servizo. Eses datos, apunta a nacionalista, son totalmente claros: o incremento medio do custe por concepto de saneamento vai ser, fronte aos 15.32 euros de 2023, de 21.53 euros o primeiro ano (+60%)  e 31.21 euros o terceiro (+103%). No caso das vivendas con pozos, a parte do saneamento pasará dos 15.32 aos 29.47 (+92%) e aos 42.73 euros no terceiro ano (179%), mantendo despois unha suba progresiva.

“Dixemos que se ían ata duplicar certas cantidades que pagaban as veciñas e os veciños e aí están os propios datos oficiais do Concello sostendo a denuncia que fixemos dende o Bloque dende o primeiro momento”, advirte Caldas, quen sinala que o alcalde Moldes quere facer “xogos de equilibrismo” cos números para intentar minimizar a subida real. A voceira nacionalista destaca que co ‘taxazo’ da auga as veciñas e veciños van pasar a pagar un recibo medio de 48.28 euros ao bimestre o primeiro ano da subida, chegando ao 63.28 euros o terceiro exercicio.

Desglosando, o Bloque explica que no referido aos ingresos por vivendas, fronte aos 745.200 euros que o Concello recadaba en 2023 por concepto de saneamento, o PP pasará a recadar o primeiro ano no que se aplique a nova taxa (probablemente 2026) un total de 1.115.378 euros. En total os ingresos ascenderán a 1.299. 433 euros ao incluír os usuarios comerciais e industriais o primeiro ano, e chegarán a 1.884.690 euros o terceiro ano.

A concelleira do Bloque explica que eses cartos a maiores proceden de dous conceptos novos que se suman ao recibo, a cota variable, pola que no primeiro ano se prevén ingresar 365.038 euros, e a cota fixa para usuarias abonadas sen abastecemento (as casas con pozo), que ascende a 277.676 euros anuais para as arcas manexadas polo Partido Popular. No terceiro ano esas cifras, “moito máis desproporcionadas”, advirte Caldas, ascenden a 558.305 e 402.630 euros respectivamente.

Caldas lamenta que o PP queira manipular á veciñanza, ademais, aplicando o rodete, sen ter en conta as alegacións presentadas polo BNG que pedían, ademais dunha modificación e supresión de cotas que non existían, que se incluísen as mesmas bonificacións que o Bloque xa aplicaba para rebaixar outros impostos nos mandatos anteriores. “O PP vai para adiante co taxazo da auga sen importarlle a economía das veciñas e dos veciños, só tendo en conta os intereses da empresa e a súa viabilidade”, subliña.

Publicacións Relacionadas