Marga Caldas cuestiona a eficacia da campaña de limpeza que o Concello di estar realizando dende febreiro: os principais areais non estiveron listos nin para a Semana Santa
O BNG de Poio vén de denunciar que a praia de Campelo e outras moitas no municipio están convertidas nunha “cloaca”. Así o asegurou hoxe a voceira Marga Caldas, quen subliñou que o único que ten feito o alcalde Moldes nas últimas semanas, en lugar de adecentar o estado dos principais areais, é propaganda. “O Concello di que leva mes e medio limpando as praias e resulta que esa limpeza non chegou nin para a Semana Santa. Á vista está. Nunha época das de maior afluencia de visitantes a imaxe que se transmitiu é de desatención total”, advirte a nacionalista.
Caldas lembra que o Bloque solicitara ao goberno local a mediados de marzo a posta en marcha dun operativo urxente para a limpeza e retirada de plásticos que invadiran as praias durante os temporais. Nos areais, advertía, había material de todo tipo mesturado con algas moi espallado provocando danos ambientais, ademais de ter un impacto estético e turístico coa Semana Santa ás portas.
Ante esta reclamación construtiva, lonxe de admitir a necesidade de actuar con dilixencia, Moldes contestou que o Concello xa levaba un mes limpando praias en colaboración coas mariscadoras, e desbotou calquera posibilidade de incrementar o suposto operativo municipal. “A realidade é que a actuación que o goberno local planificara para as praias, a todas luces era insuficiente. Xa era unha evidencia hai un mes, e agora vén a confirmarse. A praia de Campelo, unha das máis concorridas estivo inutilizábel toda a Semana Santa. E non se pode aínda poñer un pé nela porque semella unha cloaca”, insiste Caldas.
“Moldes preocupouse máis por saír a facer propaganda que por facer o que tiña que facer. Podemos compartir que a prioridade é actuar nos bancos marisqueiros, pero non ten lóxica desatender a parte económica que supón o turismo”, advirte a voceira do BNG, quen subliña que era necesario ter planificado un operativo de limpeza pre-vacacións, como sempre se fixo nos anteriores mandatos, para que as persoas que chegaron a coñecer o municipio marchasen cunha imaxe, polo menos, digna, lamenta.
Caldas advirte de que o traballo de retirada de plásticos, algas e outros obxectos nas praias utilizábeis principalmente de forma recreativa non tería suposto mais que destinar material e persoal unhas poucas xornadas. “O esforzo tería un impacto moi positivo, mais a situación vai a peor”, subliña o Bloque, que pide ao alcalde un calendario claro sobre cando e como se vai actuar en cada un dos areais.
“Non queremos propaganda, queremos un cronograma de actuacións serio para saber cando a veciñanza vai poder poñer os seus pés na praia. Teremos que agardar ao verán? Porque se o PP di que leva dende febreiro limpando e estamos así, a que ritmo vai isto?”, cuestiona o grupo municipal.



