Caldas pide transparencia e lamenta que o PP utilice as institucións como se fosen un ‘cortijo’ para a súa campaña partidista propia
O BNG de Poio vén de esixir ao alcalde Moldes aclaracións urxentes sobre se o Concello pagou con fondos públicos unha viaxe súa a Madrid para asistir a un acto do PP o pasado mes de xuño. A voceira Marga Caldas considera “absolutamente cuestionable” que o rexedor gastase 1.117 euros das arcas municipais para a “campaña partidista do Partido Popular” contra o goberno do Estado e pide ao goberno local a “máxima transparencia” cos gastos de viaxes e dietas municipais.
Segundo Caldas, na plataforma de gastos do Concello consta a factura dunha axencia de viaxes para os voos de ida e volta no mesmo día á capital española o 18 de xuño. Nesa xornada estaba convocada unha concentración liderada polo PP ante o Congreso dos Deputados á que asistiron dirixentes municipais populares de todo o territorio estatal, na que tamén participou Moldes, co fin de criticar ao goberno de Sánchez con motivo do uso do superávit por parte dos concellos.
A nacionalista subliña que a denuncia do PP de que o Concello non pode utilizar o remanente municipal, a pesares de que si hai posibilidades de aproveitalo -e así o fixo o propio goberno local-, é un reproche que se converteu nunha demanda constante abandeirada polos ‘populares’ dentro da guerra partidista co PSOE estatal.
Ante esta situación, e dada o escaso tempo da viaxe, a voceira do Bloque pregúntase con retranca se Moldes, ademais do acto diante do Congreso tamén tivo tempo e aproveitou o desprazamento para facer algún tipo de xestión ou trámite municipal na súa calidade de alcalde. Advirte que as explicacións deben ser claras, urxentes “ e sen medias tintas nin xustificacións peregrinas”.
“Sería bo saber se en Madrid houbo algunha reunión, algún encontro técnico ou algún movemento burocrático real en beneficio do Concello que realmente poida xustificar que esa viaxe se pagou con cartos públicos das e dos veciños de Poio, porque parécenos cuestionable que se utilicen fondos municipais, que pertencen a toda a cidadanía, para cubrir gastos vinculados a actividades políticas dun partido en particular”, subliña Caldas, que advirte que a situación podería incluso supoñer un presunto delito de malversación.
Para o BNG “é inaceptable que o PP empregue as institucións coma se fosen un ‘cortijo’ ao seu servizo”, algo que “desgrazadamente é bastante habitual e unha demostración da xestión e a falta de responsabilidade do alcalde para coas súas veciñas e veciños”. “Se o PP quería montar unha protesta contra Sánchez, o que tiña que facer é pagala do seu peto”, zanxou.
Por todo isto, Caldas subliña que como primeira medida, e a maiores de asumir outras responsabilidades políticas e legais que puideran esixirse, se o gasto non é imputable ao Concello, Moldes debe devolver de maneira inmediata o diñeiro empregado.



