A voceira Marga Caldas presentará mañá no Concello as alegacións nacionalistas contra o ‘taxazo da auga’ de Moldes por ser “moi prexudicial” para a veciñanza
Tal como xa anunciara o BNG durante a súa campaña informativa, solicitará a modificación e a supresión de cotas que non existían e que duplican a factura
O BNG vai presentar mañá no Concello as súas alegacións contra o ‘taxazo da auga’ por considerar que o novo recibo que Moldes vai cobrar á veciñanza vai ser “moi prexudicial” para as economías das familias de Poio. Ademais de solicitar a modificación e supresión de cotas que non existían e que van duplicar a factura, o grupo nacionalista liderado por Marga Caldas anunciou que tamén pedirá que o novo recibo da auga inclúa bonificacións que o Bloque xa aplicaba para rebaixar outros impostos nos mandatos anteriores.
Caldas explica que as alegacións do BNG á ‘Ordenanza de prestación patrimonial da auga’ piden reducións do 75% da tarifa para os casos en que os ingresos sexan inferiores ao 1,5 do IPREM, para as vivendas habituais de familias numerosas, para persoas beneficiarias da RISGA ou IMV, e para persoas en situación de vulnerabilidade debidamente acreditada. Lembra a voceira que o Bloque xa aplicou descontos cando estaba na Alcaldía aos impostos do IVTM, o IBI e as plusvalías.
Por outra parte, o BNG pedirá que se modifique a cota fixa establecida para as vivendas non conectadas ao abastecemento (que teñan pozos). O PP decidiu impoñer unha nova cota fixa de 30 euros ás vivendas que ata o de agora non pagaban polo abastecemento, sen especificar a fórmula aplicada para o cálculo desa cantidade. Subliña a nacionalista que tendo en conta os datos do consumo medio domestico dunha vivenda, a cota fixa media sería de 24,50 euros, sendo “un exceso a cantidade proposta polo goberno de Moldes”, polo que se exixe unha redución considerable.
A maiores, tal e como xa anunciara o Bloque durante a súa campaña informativa sobre o ‘taxazo’, nas alegacións tamén incluirá a solicitude de modificación e supresión de cotas que non existían anteriormente e que van duplicar a factura á veciñanza, concretamente o pago de variables polo saneamento. “As e os veciños van pagar o dobre polo seu consumo”, subliña Caldas.
A voceira nacionalista destaca que a nova ordenanza tributaria do recibo da auga asume a privatización do servizo de subministro ao cento por cento sen que o Concello poida xestionar nin ter control de maneira directa como viña facendo ata o de agora. A recadación pola auga, advirte ademais a voceira, irá directamente para a empresa sen intervención municipal, co resultado de que a veciñanza terá que asumir unha maior carga fiscal que o Bloque considera “unha estafa para os petos das veciñas e veciños”.
“Temos que ser contundentes. O novo recibo da auga é unha estafa, e non se pode xustificar unha suba tan esaxerada polos investimentos. Hai outra forma de facer as cousas”, destacou Caldas, quen advirte que a subida do recibo da auga vaise facer efectiva a partir de 2027 –despois das eleccións municipais- cunha suba progresiva que comezará cun 20% no primeiro ano e se disparará nos seguintes. “A xente ten que saber xa ao que se enfronta, porque Moldes quere agochar estes datos polo seu propio interese electoralista”, finaliza.