O BNG de Vigo acusa PSOE e PP de furtarlle 5 millóns de euros á cidade pola súa lea partidista

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que a “confrontación irresponsábel” está a prexudicar os intereses de Vigo e reclama asinar sen máis demora os convenios pendentes entre Concello e Deputación

Esixe un incremento real dos fondos provinciais para a cidade e acusa a ambas as formacións de instrumentalizar os recursos públicos con fins electoralistas.

Xabier P. Igrexas: “O diñeiro da Deputación non é o patrimonio privado de ningún partido, son recursos que teñen que chegar á cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo acusa a PSOE e PP de antepor os seus intereses partidistas aos da cidade, cunha lea política que, segundo denuncia a fronte nacionalista, vai custarlle a Vigo 5 millóns de euros de financiamento da Deputación de Pontevedra, após se coñecer a negativa do Concello a asinar os convenios para a súa transferencia.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualifica de “grave irresponsabilidade” o comportamento de ambas as formacións e advirte de que a confrontación entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Partido Popular cruzou todas as liñas vermellas. “A irresponsabilidade e o xogo partidista de PP e PSOE xa ten un custe concreto: 5 millóns de euros. Iso é o que a cidade vai perder de financiamento da Deputación de Pontevedra, polo xogo lamentábel duns e doutras”, afirma.

Os cartos son de Vigo

Igrexas denuncia que os recursos provinciais están a ser utilizados como instrumento de confrontación partidista, en lugar de garantir o financiamento que precisa a cidade para atender as necesidades da veciñanza.

“O diñeiro da Deputación non é o patrimonio privado de ningún partido. Non é o xoguete do alcalde, nin é o patrimonio do PP”, subliña o portavoz nacionalista. “Son cartos que saen dos impostos da veciñanza de Vigo, e teñen que retornar á nosa cidade para financiar as obras, as infraestruturas e os servizos que os nosos barrios e as nosas parroquias necesitan”.

O BNG critica por un lado que o PP utilice a Deputación como “trincheira”, facendo un “intento de secuestro de cartos que teñen que chegar á cidade como se fosen o orzamento de precampaña da candidata popular á Alcaldía”. E, por outro, que o Goberno municipal de Caballero “renuncie a uns recursos que non son del, senón das viguesas e dos vigueses”.

Esta situación evidencia que “na lea permanente do bipartidismo, quen acaba perdendo sempre é a cidade de Vigo”, a xuízo de Igrexas. “Se o PSOE e o PP queren facer campaña electoral, que a fagan cos seus propios medios, non xogando co diñeiro da cidade. Que compitan con proxectos para Vigo, se é que teñen algún”, reclama.

Convenios sen máis demoras e máis financiamento

Diante desta situación, a fronte nacionalista esíxelle ao Goberno municipal e á Deputación que abandonen a confrontación e garantan, sen máis dilacións, a sinatura dos convenios necesarios para que os recursos cheguen á cidade.

O BNG reclama ademais que eses convenios incorporen un incremento real e substancial dos fondos destinados a Vigo. Igrexas considera “inxustificábel” que a maior cidade de Galiza siga recibindo proporcionalmente menos recursos, con financiamento conxelado, mentres outros concellos moito máis pequenos obteñen achegas superiores.

O portavoz municipal conclúe que o BNG seguirá defendendo os intereses da cidade fronte ao bloqueo e á confrontación partidista. “PSOE e PP teñen que deixar de instrumentalizar e de secuestrar as institucións e os recursos públicos”, esixiu Igrexas.

Comparte este artigo