HomePontevedraO BNG de Vigo advirte que Abel Caballero mentiu sobre as Zonas...

O BNG de Vigo advirte que Abel Caballero mentiu sobre as Zonas de Baixas Emisións: “Vai haber multas” 

- Anuncio -spot_img

Revela que o proxecto aprobado este venres polo Goberno local contempla sancións polo acceso ás áreas limitadas daqueles vehículos que non sexan híbridos ou eléctricos

Acusa o alcalde de aplicar un modelo “discriminatorio” en lugar da alternativa integral presentada polo Bloque en febreiro de 2023 sen sancións nin restricións de circulación

Xabier P. Igrexas: “As Zonas de Baixas Emisións non poden supoñer baixo ningún concepto que se castigue con multas á inmensa maioría social”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de “mentir con descaro” sobre as multas nas Zonas de Baixas Emisións (ZBE). A fronte nacionalista revela que o proxecto aprobado este venres polo Xunta de Goberno local contempla sancións polo acceso ás catro áreas restrinxidas daqueles vehículos que non sexan híbridos ou eléctricos, desmentindo as declaracións do rexedor realizadas este pasado xoves onde negou as multas. “No propio documento figura un cronograma para a aplicación de sancións”, desvelou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Así, os vehículos sen etiqueta ambiental, que representan o 18% do parque móbil da cidade, serán obxecto de multas dende o vindeiro ano, segundo se recolle de forma textual no proxecto autorizado polo Goberno local:  “A partir do 1 de novembro de 2025 iniciaríase a fase informativa, onde se notificaría aos usuarios infractores, e comezaríase a sancionar un ano máis tarde, o 1 de novembro de 2026”. As seguintes fases afectarían de igual xeito aos vehículos con etiqueta B (36% do parque móbil) en 2027, e aqueles con etiqueta C (a metade do total) a partir de 2031.

O proxecto aprobado polo Goberno municipal recolle tamén que o acceso a estas Zonas de Baixas Emisións será considerado infracción grave, en virtude da vixente Lei de Tráfico. “Acaso o alcalde está manifestando a súa intención de prevaricar e ordenar a Policía Local que non aplique a Lei de Tráfico?”, cuestionou o portavoz nacionalista sobre as declaracións de Caballero.

Decisión unilateral

O BNG volveu mostrar o seu rexeitamento a este modelo de ZBE asegurando que a decisión do Goberno municipal foi “unilateral”, sen sometela a debate no Consello Sectorial de Transportes do Concello de Vigo nin permitir a “máis mínima” participación do tecido asociativo nin dos grupos políticos. “Pero o que é máis grave, é unha decisión que se adopta mentindo con todo descaro ás viguesas e vigueses, as multas son consecuencia do modelo elixido”, criticou Igrexas.

A fronte nacionalista defendeu que si hai alternativa a este sistema de ZBE con sancións, que cualificaron de “mala copia de Madrid Central”, un modelo pouco efectivo á hora de reducir as emisións contaminantes. Dende o Bloque insistiron nas súas propostas presentadas en febreiro de 2023, cunha alternativa integral para facer de toda a cidade unha ZBE, pero sen aplicar restricións nin sancións por tipoloxía de vehículo, co obxectivo de reducir con carácter xeral o uso do coche.  

Alternativas ao uso do coche

Un modelo que, manifestou Igrexas, está avalado por experiencias de éxito, como a de Pontevedra, e conta co aval de entidades expertas como a Rede de Cidades que Camiñan. A proposta do BNG buscar ofrecer alternativas ao uso do vehículo privado, reducindo o tráfico ao mínimo necesario, dando prioridade ao tránsito a pé, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal e, especialmente, cunha mellora significativa do servizo de autobús urbano.

“Nunha cidade con 300.000 desprazamentos diarios, o reto non é que circulen menos coches de combustión senón ter posibilidades para usar menos o coche sexa do tipo que sexa”, asegurou o portavoz municipal nacionalista, tachando o modelo de Caballero de “discriminatorio” por contemplar sancións en función do lugar de residencia e da renda.

Non ás multas

“A posición do BNG é ben clara: as ZBE non poden supoñer baixo ningún concepto que se castigue con multas á inmensa maioría social que non se pode permitir comprar un vehículo híbrido ou eléctrico”, afirmou Igrexas, defendendo dar alternativas a todas as viguesas e vigueses, en toda a cidade, para utilizar menos o seu vehículo particular en lugar das sancións de Caballero.

O portavoz do BNG anunciou que van solicitar formalmente que o Goberno municipal deixe sen efecto o acordo deste venres, para abrir un “verdadeiro proceso de participación e diálogo”. Entre as medidas, chamaron a convocar os Consellos Sectoriais de Transporte, de Medio Ambiente e de Accesibilidade Local do Concello, así como crear un grupo de traballo na Comisión Informativa de Seguridade coa participación de todos os grupos políticos municipais, co obxectivo de aplicar outro modelo de ZBE sen multas.

“Estamos a tempo de evitar unha equivocación xigantesca e de avanzarmos, de verdade, cara a un modelo de cidade máis habitábel, segura e sustentábel que deixe de estar deseñada para os coches senón para as persoas, e por iso o alcalde ten que rectificar”, remachou Igrexas.

Publicacións Relacionadas