A fronte nacionalista denuncia o prexuízo para as persoas usuarias e as familias polo cambio de localización das actividades en Coia e nas Travesas a espazos non aptos
Xabier P. Igrexas: “É incomprensíbel tanta incompetencia cando o Verán Xove é case a única actividade de lecer que o Concello organiza para crianzas e mocidade de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) afea a “improvisación e chapuza” da concellaría de Xuventude coa organización dos campamentos urbanos de verán de Vigo. A poucos días do inicio, o Concello vén de notificar ás familias por correo electrónico que os campamentos de Coia e das Travesas cambian de localización por “motivos de forza maior” para realizarse en espazos que, a xuízo da fronte nacionalista, non son aptos para o desenvolvemento das actividades.
Así, o campamento programado en Coia que inicia o 23 de xuño será trasladado do Colexio Celso Emilio Ferreiro á Casa do Patín, unha dependencia que acolle a Oficina Municipal de Distritos de Bouzas, a dous quilómetros de distancia e sen espazo. “É evidente que non é adecuada para realizar actividades de lecer xuvenil”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, poñendo o exemplo do campamento de Bouzas, que está previsto no pavillón da propia vila.
Tamén o campamento das Travesas vén de ser desprazado cara ás pistas deportivas no interior da bancada de Río no Estadio municipal de Balaídos en lugar do Complexo Deportivas das Travesas. “Estas decisións supoñen un claro prexuízo para as persoas usuarias dos campamentos e para as súas familias”, advertiu Igrexas, quen considerou que nestes lugares “van ficar enclaustradas en espazos que non son aptos”.
O portavoz municipal nacionalista avanzou que o Bloque vai demandar explicacións nas vindeiras Comisión Informativas sobre que resulta “incomprensíbel tanta incompetencia e improvisación” por parte do Goberno municipal na organización do denominado Verán Xove. “É practicamente a única actividade de lecer que o Concello de Vigo organiza para as crianzas e mocidade da nosa cidade”, subliñou.
Para a fronte nacionalista esta decisión é un novo elemento máis nas políticas de “castigo, desleixo e falla de atención” do Goberno de Abel Caballero cara a xuventude viguesa. Lamentou nese sentido o peche de numerosas iniciativas, impulsadas polo BNG, que situaron Vigo como “referente estatal” en políticas municipais para a mocidade como o Súbete ó Castro, os Castroconcertos e a Liga de Improvisación Teatral.
Do mesmo xeito, lembrou como o Goberno local fixo desaparecer o Punto Xove, mantén pechada a Casa da Xuventude desde o ano pasado e reduciu “ao mínimo” os servizos e actividades do Vigosónico. “E agora non é nin capaz de organizar en condicións os campamentos de verán”, remachou Igrexas.



