HomePontevedraO BNG de Vigo afea que Caballero presuma de alugueiros de máis...

O BNG de Vigo afea que Caballero presuma de alugueiros de máis de 600 euros: “Para quen é accesíbel un piso a ese prezo?”

- Anuncio -spot_img

Cuestiona os anuncios en vivenda de Concello e Xunta mentres os arrendamentos marcan novos récords históricos: 200 euros de media máis caros que hai seis anos

Reclama axilizar a prometida Empresa Municipal de Vivenda e executar as medidas aprobadas polo Pleno en marzo 2024 nunha moción do Bloque como a zona tensionada

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses non poden esperar máis”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve alertar do “encarecemento insoportábel” dos prezos da vivenda en Vigo até un novo récord histórico e carga contra a “inacción” do Concello e da Xunta de Galiza. A fronte nacionalista avisa de que as promesas realizadas polos gobernos local e galego non van resolver a “emerxencia habitacional” na cidade e reclama medidas urxentes para garantir o acceso a este dereito esencial.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo como exemplo o anuncio do programa piloto Casa 47, presentado hai uns días pola ministra de vivenda. “Para quen é accesíbel un piso a máis de 600 euros mensuais?”, cuestionou, afeando que o alcalde Abel Caballero presuma dun proxecto con apenas 67 vivendas, sen prazo de execución e cun prezo que supera o custo medio actual do metro cadrado para alugueiro na cidade.

Nun contexto, advertiu, onde o “encarecemento insoportábel” dos prezos está a impedir que a maioría social poida acceder a unha vivenda. “Estes anuncios son unha tomadura de pelo para as familias traballadoras que se ven expulsadas da cidade por causa de non lograr unha vivenda, e para os millares de mozas e mozos para os que emanciparse en Vigo é un luxo imposíbel”, valorou Igrexas.

200 euros máis que en 2019

Dende o Bloque alertan de que o prezo da vivenda en alugueiro continúa marcando “récords históricos” na cidade, cunha suba no que vai de ano do 7,4% e cun custo medio que vai superar os 700 euros mensuais en 2026. “As viguesas e vigueses pagan 200 euros máis que antes da pandemia, case un 41% máis”, subliñou o portavoz municipal, o que supón 20 puntos por riba da suba media dos salarios no mesmo período.

A estes “prezos imposíbeis” dos arrendamentos, súmase a cada vez menor oferta de vivenda polo avance dos pisos turísticos (que nos últimos tres anos aumentaron en 2.000 novos inmóbeis en Vigo), e os atrancos cada vez máis difíciles para poder optar a un alugueiro con condicións abusivas como a esixencia de aval bancario, de seguro de alugueiro e de nóminas moi por riba do salario medio.

Un contexto de “emerxencia habitacional” no que, a xuízo da fronte nacionalista, teñen responsabilidade os Gobernos de Rueda e Caballero. Igrexas asegurou sobre a Xunta do PP que as promesas de vivendas do Plan Parcial de Navia aínda faltan moitos anos para ser unha realidade, e que só van atender o 20% da demanda existente a día de hoxe de vivenda protexida, con máis de 7.100 familias rexistradas.

Parálise do Goberno de Caballero

A respecto do Goberno local, o portavoz do BNG acusou de “parálise” que exemplificou na Empresa Municipal de Vivenda, anunciada hai seis meses polo alcalde pero que non se vai constituír antes de finalizar o ano. Igrexas anunciou que vai demandar na Xerencia de Urbanismo que se axilice ao máximo este instrumento, que considerou que “chega tarde” pero é necesario para que o Concello despregue políticas públicas de vivenda.

A fronte nacionalista demanda tamén avanzar nos acordos do Pleno de marzo de 2024, nunha moción aprobada do Bloque que recollía sete medidas concretas para enfrontar o problema da vivenda, entre elas iniciar a solicitude para declarar Vigo como zona tensionada. “Canto máis teñen que subir os alugueiros para que o Goberno de Caballero actúe?”, preguntou Igrexas, asegurando que “as viguesas e os vigueses non poden esperar máis”.

Publicacións Relacionadas