HomePontevedraO BNG de Vigo alerta da talla de carballos nas obras do...

O BNG de Vigo alerta da talla de carballos nas obras do Plan Parcial de Navia e pide a súa reposición

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista esixe medidas da Xunta de Galiza e do Concello para protexer este ámbito, despois de que a veciñanza conseguise paralizar a corta de máis árbores

Lembra que Caballero garantiu que esta carballeira non ía desaparecer coas obras

Xabier P. Igrexas: “Vigo non soporta xa máis arboricidio, non podemos permitir que o gris cemento siga avanzando a costa de arrasar con máis árbores”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de denunciar a talla de 5 carballos de gran porte durante as obras de urbanización do Plan Parcial de Navia. A fronte nacionalista demanda a reposición destas árbores e esixe que a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo adopten todas as medidas necesarias para protexer este ámbito e impedir máis tallas indiscriminadas que fagan desaparecer a carballeira.

Foi a propia veciñanza de Navia quen paralizou a inicios desta semana a talla de máis árbores, nas inmediacións da rúa das Ufas, a través dunha denuncia perante a Policía Autonómica após non recibir resposta da Local. A explicación extraoficial aos veciños e veciñas foi que os operarios excedéranse. Unha actuación que, advertiron dende o Bloque, se suma á talla de numerosos exemplares de salgueiros e algunha cerdeira.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrou a promesa do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que o desenvolvemento do Plan Parcial de Navia respectaría esa carballeira e que non ía desaparecer coas obras. “No entanto, vemos como os feitos demostran o contrario”, lamentou.

Igrexas defendeu que Vigo “non soporta xa máis arboricidio”. O portavoz nacionalista asegurou que “non podemos permitir que o gris cemento siga avanzando a costa de arrasar con máis árbores” na cidade. Urxiu nese sentido aos Gobernos galego e municipal a protexer os espazos naturais en Navia, e demandou un compromiso firme por un Vigo máis verde e sustentábel.    

Publicacións Relacionadas