A fronte nacionalista denuncia que o Concello só ofrece 75 prazas no seu programa de inserción laboral nun momento no que son case 15 mil as persoas desempregadas
Critica o modelo económico e laboral promovido polo Goberno municipal e asentado na turisficación masiva e demanda políticas para reactivar a base produtiva da cidade
Xabier P. Igrexas: “Vigo non se pode resignar a ser unha cidade de empregos precarios e temporais”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo alerta da “realidade moi preocupante e insostíbel” da crise do emprego na cidade, que o Goberno municipal de Abel Caballero “pretende ocultar baixo toneladas de propaganda”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, referiuse este martes aos últimos datos oficiais do paro rexistrado correspondentes ao mes de setembro, publicados hai uns días, que “volven acender todas as alarmas”: Vigo sumou 222 novas persoas desempregadas nun só mes, facendo que o número total de paradas e parados na maior cidade de Galiza se aproxime xa perigosamente ás 15 mil persoas.
Un modelo laboral fráxil e precario
A conclusión do período máis intenso da tempada de verán deixa, segundo apuntou o portavoz municipal nacionalista, un “saldo devastador”: destruíronse máis de 800 empregos desde o mes de maio, cando a cidade contaba con 14.051 persoas sen traballo.
“Isto demostra máis unha vez a enorme fraxilidade do modelo laboral polo que aposta este Goberno municipal, baseado na estacionalidade e na turisficación masiva, alentando a terciarización da economía cun cada vez maior peso do sector servizos, marcado pola precariedade laboral e salarios de miseria, mentres a crise industrial continúa a cronificarse”, afirmou Igrexas.
Vigo Emprega: 75 prazas para case 15 mil paradas
Ante este drama social, o BNG denuncia que a resposta do goberno presidido por Abel Caballero é “un desmantelamento sistemático das políticas activas de emprego”. Neste senso, o programa Vigo Emprega volve ofrecer para este ano 2026 unha cifra que o portavoz municipal cualifica de “ridícula”: apenas 75 prazas.
Trátase, segundo Igrexas, dun “tesoirazoinadmisíbel” fronte ás 220 prazas que o programa ofertaba no ano 2016. “75 prazas nun programa de inserción laboral nunha cidade con case 15 mil parados e paradas”, subliñou.
O Concello “ao servizo das maiorías sociais”
Desde o BNG esixen ao Goberno municipal que abandone as políticas de escaparate e as luces led “para poñer o Concello ao servizo das maiorías sociais”. A fronte nacionalista reclama unha rectificación inmediata que pase por triplicar os recursos do Vigo Emprega de cara ao vindeiro ano.
Da mesma maneira, Igrexas volveu reclamar á Xunta de Galiza o despregamento dun verdadeiro Plan de Reindustrialización e Reactivación Produtiva para Vigo e a súa comarca. Un plan, segundo sinalou, que “blinde a continuidade de actividades estratéxicas como o naval ou a automoción e que faga que Vigo se converta na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”.
“Vigo non se pode resignar a ser unha cidade de empregos precarios e temporais. Temos que garantir o dereito irrenunciábel a vivir dignamente dun traballo na nosa propia terra”, concluíu o portavoz municipal do BNG de Vigo.

