HomePontevedraO BNG de Vigo anima a consumir no comercio de proximidade coa...

O BNG de Vigo anima a consumir no comercio de proximidade coa campaña ‘Mellor local, mellor galego’

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista afea a falla de políticas da Xunta e do Concello para revitalizar o sector e evitar o peche de máis establecementos diante do avance das grandes superficies

Carmela González: “É preciso actuar contra a competencia desleal dos macrocentros cunha moratoria que free a súa expansión e regular os horarios e os períodos de rebaixas”

Xabier P. Igrexas: “O comercio vigués merece dun apoio real, e non apenas de banderolas publicitarias ou promesas incumpridas como o Amazón vigués do que nada se sabe”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar este venres en Vigo a súa campaña ‘Mellor Local, Mellor Galego’ coa que anima a consumir produtos do país no comercio de proximidade. A fronte nacionalista afea a falla de política da Xunta e do Concello para revitalizar o sector e evitar o peche de máis establecementos diante do avance das grandes superficies.

Así o defendeu a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, durante unha visita ao mercado do Calvario xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, o tamén deputado Brais Rúanova, o concelleiro Filipe Abalde e militancia do Bloque, na que realizaron un reparto informativo para chamar a mercar no comercio local durante estas festas e tamén o resto do ano.

“Na Galiza e en Vigo contamos cun tecido produtivo único, como este mercado do Calvario, que está cada vez máis desprotexido fronte á expansión das grandes superficies, do comercio en liña, da liberalización dos horarios e dos períodos de rebaixas”, alertou González. Acusou a ese respecto ao Goberno galego do PP de limitar o futuro destes pequenos e medianos negocios con políticas que “empobrecen o país en favor das multinacionais”.

Nova Lei de Comercio e moratoria de macrocentros

Dende o BNG reivindicaron avanzar cara a un novo modelo que teña no centro o comercio de proximidade polo seu papel de dinamizador social e da economía local. “Xera vida nos barrios e parroquias e crea emprego digno e con dereitos na nosa cidade”, salientou a deputada nacionalista, contrapoñendo estas vantaxes coa “precariedade e imposicións de prezos” por parte das grandes cadeas e das plataformas dixitais.

Entre as medidas propostas polo Bloque, destacou a necesidade dunha nova Lei do Comercio Local para protexer o pequeno comercio e defender os dereitos laborais das traballadoras autónomas, con axudas que garantan o relevo xeracional, xunto con alternativas propias para modernizar e dixitalizar os negocios para a venda en liña. En paralelo, a fronte nacionalista defende unha moratoria que impida a apertura de novos macrocentros que “desertizan” o tecido de proximidade, a regulación dos horarios comerciais e dos períodos de rebaixas.

González considerou tamén “vital” despregar incentivos para o consumo de produtos locais e galegos, impulsando unha marca galega de calidade e coa identificación da orixe, garantindo “prezos xustos” para quen produce e con medidas que permitan revitalizar os mercados municipais e zonas comerciais tradicionais. 

Peche do 16% do tecido en Vigo

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, incidiu no papel do Goberno de Abel Caballero diante da perda de 1.200 negocios de proximidade nos últimos cinco anos, o 16% do tecido comercial da cidade. “O comercio vigués merece dun apoio real, e non apenas de banderolas publicitarias ou de promesas incumpridas como o Amazón vigués anunciado en 2020 e do que nada se sabe”, enfatizou.

Criticou a ese respecto que o Goberno local leve “moitos anos” sen convocar a Mesa Local de Comercio, impedindo a participación dos propios comerciantes nas políticas municipais. “Vigo segue a ser a única cidade galega que desde a pandemia non despregou nin unha soa liña de axudas ao comercio de proximidade”, subliñou.

O portavoz municipal afeou ademais o voto en contra do Goberno de Caballero ás propostas do Bloque para apoiar o sector, como a posta en marcha dun Plan de Impulso e Dinamización Comercial incluída nas emendas nacionalistas aos orzamentos do Concello para o vindeiro ano 2026.

Trasladou tamén a urxencia de aplicar a moratoria de grandes superficies en Vigo durante polo menos os próximos 10 anos, diante dos novos proxectos en marcha no ámbito de Recaré ou de Cruceiro. “Despois do impacto brutal que tivo a creación de Vialia e que se nota moito en contornas comerciais como no Calvario, é momento de poñer freo para defender de verdade ao tecido comercial da nosa cidade”, remachou.

Publicacións Relacionadas