A fronte nacionalista reclama planificación, coordinación e control ante o anuncio de actuacións simultáneas en case un cento de rúas e volve esixir unha Comisión Municipal de Seguimento das Obras con participación política, veciñal e sindical
Xabier P. Igrexas: “Hai que priorizar o benestar da veciñanza sobre os apuros electorais do goberno local para tentar disimular o total abandono que padecen os barrios e parroquias”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo chama ao Goberno municipal de Abel Caballero a planificar e coordinar o novo aluvión de obras anunciado para os próximos meses co obxectivo de evitar que a acumulación de actuacións simultáneas se traduza en novos prexuízos para a veciñanza. A fronte nacionalista reclama que o Concello garanta unha execución ordenada, áxil e rigorosa dos traballos e minimice as afeccións sobre o tráfico, a mobilidade peonil e a actividade diaria da cidade.
“O anuncio de Abel Caballero que o Concello vai facer obras simultaneamente en case un cento de rúas alerta de que Vigo se encamiña cara a un outono de caos”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen reclamou que “este novo aluvión de obras non se converta nun aluvión de molestias: máis ruído, máis sucidade, máis conxestión e máis dificultades para camiñar pola cidade”.
O BNG salienta que a execución de obras públicas é necesaria cando responde ás necesidades da cidade, mais considera imprescindíbel que exista unha planificación global que permita ordenar os diferentes proxectos, coordinar os calendarios e evitar que a apertura simultánea de numerosas “frontes” acabe provocando problemas evitábeis.
“A veciñanza merece obras, si, pero obras ordenadas, áxiles e ben executadas. E, sobre todo, merece saber cando empezan, cando rematan e quen responde se non se cumpre”, sinalou Igrexas.
Unha comisión para controlar as obras
Neste contexto, a fronte nacionalista volve reclamar a creación inmediata dunha Comisión Municipal de Seguimento das Obras, con participación de todos os grupos políticos da Corporación, do movemento veciñal e das organizacións sindicais.
Para o BNG, este órgano permitiría realizar un seguimento efectivo das actuacións financiadas con recursos públicos, coñecer o calendario previsto para cada proxecto, comprobar o cumprimento dos prazos e detectar con antelación as afeccións que poidan producirse sobre o tráfico, o transporte público, os itinerarios peonís ou a actividade dos barrios.
“Hai que supervisar, fiscalizar e inspeccionar uns traballos financiados cos cartos de todas e de todos, para garantir que os proxectos se executan como é debido e nos prazos fixados”, defendeu Igrexas.
Planificación fronte a electoralismo
O portavoz municipal nacionalista rexeitou a utilización dos investimentos municipais como simple escaparate político e reclamou que a prioridade sexa o resultado efectivo das actuacións. “Os recursos públicos non son a caixa de resonancia dos apuros electorais do goberno local para tentar disimular o total abandono que padecen os barrios e parroquias, senón un investimento para mellorar a vida da xente”, advertiu.
Para iso apostou nunha “execución ordenada e áxil que evite prexuízos innecesarios e poña no centro o benestar da veciñanza, e non o calendario electoralista de primeiras pedras e inauguracións”. “Fronte ao modelo exhibicionista de Caballero, o BNG esixe planificación, transparencia e rigor. Vigo non pode seguir sendo un escenario permanente de obras sen control”, subliñou Igrexas.
A fronte nacionalista reclama especialmente evitar a apertura simultánea de actuacións que afecten aos mesmos itinerarios e garantir que os proxectos conten con calendarios claros e mecanismos efectivos de supervisión. “Hai que evitar que a acumulación irresponsábel de frontes abertas paralice a cidade con tráficos colapsados, ruído e atrancos para os peóns”, advertiu.
Neste sentido, Igrexas considera “irracional” que se poida actuar simultaneamente nas dúas marxes dunha mesma rúa e reclama acabar cunha situación demasiado habitual na cidade: “que se saiba cando empeza unha obra pero nunca cando remata”.

