A fronte nacionalista alerta da perda de 1.500 empregos nos últimos tres meses, segundo datos oficias da última EPA, e do avance da desertización produtiva da cidade
Critica a inacción de Xunta e Concello e defende unha enérxica iniciativa pública para que Vigo volva ser o “potente pulmón industrial” de Galiza
Xabier P. Igrexas: “O noso futuro non pasa nin polo turismo de excursión para ver luces, nin polo Xacobeo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo fixo hoxe un chamamento urxente ás viguesas e vigueses para que se mobilicen masivamente este 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, en resposta á “emerxencia laboral e produtiva” que golpea a cidade e a comarca.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), Vigo perdeu 1.500 empregos nos últimos tres meses e 4.400 dende 2009, cunha caída especialmente grave no sector industrial, que rexistra 1.000 postos menos que no primeiro trimestre de 2024 e 4.600 menos que en 2009. Esta “desertización” da base produtiva supón, para o BNG, unha ameaza ao futuro económico de Vigo.
Igrexas criticou a crecente “terciarización” da economía local, onde o sector servizos, con empregos precarios e baixos salarios, xa representa o 76,4% do total, o nivel máis alto en 15 anos. “O noso futuro non pasa nin polo turismo de excursión para ver luces, nin polo Xacobeo”, declarou o portavoz, apostando por unha “decidida reactivación produtiva” que recupere o papel de Vigo como “pulmón industrial de Galiza” e polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Aliás, o BNG defende blindar sectores estratéxicos como a construción naval, a automoción e o mar-industria, e apostar por converter Vigo e a súa área na “capital galega da innovación, da tecnoloxía e as comunicacións”.
Os datos da EPA tamén revelan unha redución de 4.600 asalariados no sector privado no último trimestre, compensada só polo aumento de autónomos e pequenos empresarios, o que evidencia a “debilidade” do tecido empresarial vigués. O único sector que creceu dende 2009 é o emprego público, a pesar dos recortes en servizos esenciais como sanidade e ensino. Este panorama, segundo sinalou Igrexas, evidencia “o enfraquecemento da base produtiva e unha cada vez maior debilidade do tecido empresarial de Vigo” que require unha intervención pública “enérxica” para xerar emprego estábel con dereitos e salarios dignos.
Inacción de Xunta e Concello
A fronte nacionalista denunciou a inacción da Xunta de Galiza, liderada por Alfonso Rueda, que rexeitou no debate dos orzamentos de 2025 propostas do BNG como un Plan de reactivación produtiva, a creación do Centro de Reparacións Navais da ría de Vigo ou un Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico. “
A resposta do Partido Popular diante das necesidades de Vigo como maior cidade de Galiza é sempre non, non a todo, non todo o tempo”, lamentou Igrexas, cualificando a política económica da Xunta como “suicida” por permitir o declive industrial de Vigo.
Ademais, o BNG criticou o Goberno municipal de Abel Caballero por recortar 45 mil euros do Plan de Emprego Municipal, mentres duplica as subvencións municipais a aeroliñas privadas en Peinador.
Manifestación en Vigo
Igrexas fai un chamamento á “maioría social” das clases populares e traballadoras para que “tome as rúas” este 1 de Maio para esixir o “dereito irrenunciábel a poder vivir dignamente do traballo na propia terra”. Desde o BNG comprométense a seguir apostando por políticas públicas que revertan a precariedade e impulsen a reindustrialización, instando á Xunta e ao Concello a abandonar a pasividade e priorizar as necesidades reais de Vigo. “Non podemos permitir que a maior cidade de Galiza siga perdendo o seu potencial produtivo”, concluíu o portavoz municipal nacionalista, animando á cidadanía a facer ouvir a súa voz nas mobilizacións.
O BNG, como cada ano, participará da manifestación convocada pola CIG, que partirá ás 12h desde a Dobrada e que este ano volve ser a mobilización central do sindicalismo nacionalista e de clase no conxunto do noso País. Na comitiva do Bloque participarán canda o grupo municipal de Vigo, encabezado por Xabier P. Igrexas, o deputado portavoz no Congreso, Néstor Rego, o deputado e as deputadas viguesas no Parlamento galego, Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Rúanova, así como responsábeis institucionais e orgánicos da fronte nacionalista no resto da comarca.