A fronte nacionalista celebra que o Goberno municipal desista da macroárea de xogos en García Picher tras anos de oposición veciñal ao proxecto
Xabier P. Igrexas: “Apostarmos pola naturalización dos parques infantís supón transformar contornos ríxidos e sintéticos en espazos vivos, sans e colectivos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a un cambio de modelo nos parques infantís de Vigo. A fronte nacionalista vai demandar na vindeira Comisión Informativa de Parques e Xardíns que se avance cara espazos de xogo integrados, convivencias e naturalizados fronte ao actual modelo de caucho e grandes estruturas metálicas.
Así o anunciou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, celebrando que o Goberno de Abel Caballero teña desistido do proxecto de macroparque infantil en García Picher. “Nunca é tarde para acertar evitando converter esta importante zona verde nunha explanada de máis de 3.000 metros cadrados de caucho”, valorou, tras anos de demandas veciñais e do propio Bloque para que rectificase a decisión.
Igrexas defendeu que naturalizar os parques infantís permite convertelos en “espazos vivos, sans e verdadeiramente colectivos” fronte ao modelo de elementos ríxidos e sintéticos polo que apostou nos últimos anos o Goberno local. “A integración de elementos como madeira, auga, vexetación e desniveis topográficos redefine a experiencia do xogo urbano”, subliñou.
Para o portavoz municipal nacionalista esta estratexia “estimula a creatividade, a psicomotricidade e o xogo libre”, facilitando o contacto directo das crianzas coa natureza. E permite transformar espazos artificiais en refuxios climáticos, grazas á inclusión de vexetación e de chans permeábeis, así como crear lugares de encontro interxeracional “máis amábeis, saudábeis e sustentábeis” para a vida da cidade.
Aval científico
Un cambio de modelo de parques infantís que, asegurou Igrexas, conta con aval científico como evidencia un informe do CSIC que alerta sobre os riscos tóxicos producidos pola degradación do caucho, e tamén un estudo da Universidade de Helsinki que pon en valor os beneficios destes entornos naturais para as crianzas.
“Un Vigo máis sustentábel e vivíbel pasa por máis árbores e menos caucho, por máis presenza natural e por menos elementos artificiais”, destacou o portavoz municipal do BNG, quen considerou que este obxectivo dunha cidade máis respirábel debe principiar polos máis pequenos e pequenas.

