A fronte nacionalista esixe que Vigo deixe de ser o “perverso banco de probas das políticas de recortes e privatizacións da Xunta que a converteron na zona cero da desfeita sanitaria”
Remítelle ao conselleiro de Sanidade a moción do BNG aprobada polo Pleno de xullo reclamando a rectificación do modelo do novo “Centro Recortado de Saúde” Olimpia Valencia
A mobilización terá lugar en Santiago de Compostela ás 12h dende a Alameda
Xabier P. Igrexas: “Temos que levar o clamor das viguesas e dos vigueses até a capital de Galiza para que o PP deixe de xogar coa nosa saúde”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) chama a unha participación masiva na manifestación nacional convocada pola plataforma SOS Sanidade este domingo en Santiago de Compostela (ás 12h dende a Alameda. Anima á veciñanza de Vigo a mobilizarse, máis unha vez, para esixir que a cidade deixe de ser o “perverso banco de probas” das políticas de recortes e privatizacións do PP na Xunta.
“Temos que levar o clamor das viguesas e dos vigueses até a capital de Galiza para enviar unha mensaxe clara e rotunda ao Goberno galego: non imos tolerar que continúe a xogar coa nosa saúde e mesmo coa nosa vida, facendo da atención sanitaria un grande negocio para as súas empresas amigas”, asegura o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Unha manifestación que, subliñou, busca defender “o noso dereito” a unha sanidade pública, integral, universal, gratuíta e de calidade fronte ás políticas que converteron Vigo e a súa área na “zona cero da desfeita sanitaria” en Galiza. Para Igrexas o último exemplo destes “experimentos” é a “estafa” do novo Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia, cuxa apertura está prevista no vindeiro mes de marzo.
“Centro Recortado de Saúde Olimpia Valencia”
Un novo centro que foi anunciado como un reforzo da Atención Primaria pero que -tal e como veñen denunciando a plataforma SOS Sanidade Pública, as organizacións sindicais e o propio BNG- vai consistir nun cambio de lugar de recursos xa existentes sen sumar ningún medio adicional. Aliás, afean que se denomine como Centro Integral o que en realidade vai ser un novo centro de saúde, dado que non vai contar con servizos como radioloxía ou probas diagnósticas avanzadas.
“En lugar de CIS debería chamarse CRS, Centro Recortado de Saúde”, ironizou Igrexas a respecto dunha dotación que cualificou de “copia cutre” do Isabel Zendal aberto pola presidente madrileña Isabel Díaz Ayuso, por non contar con dotación de persoal propio nin novas contratacións; cun 20% menos de profesionais dos inicialmente previstos e que vai derivar no peche “inxustificado” do Nicolás Peña.
Envía a moción ao conselleiro para que rectifique
Por este motivo, o portavoz municipal do Bloque vén de remitirlle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o certificado oficial da moción nacionalista aprobada polo Pleno de Vigo o pasado mes de xullo sen ningún voto en contra, tampouco do propio PP. Unha iniciativa acordada polo máximo órgano do Concello que esixe unha rectificación radical do modelo que a Xunta quere impoñer para o CIS Olimpia Valencia.
Alertou ademais de que esta decisión abre a porta á “desaparición” da pediatría na Atención Primaria, ao retirala de centros de saúde como Coia para concentrala neste novo, en contra do criterio de continuidade asistencial que defenden as sociedades científicas e a propia Organización Mundial da Saúde.
“Estamos ante un novo exemplo de como o PP continúa a castigar, a cebarse de maneira sádica, en contra da sanidade pública de Vigo e da súa área”, valorou Igrexas. Lembrou a ese respecto que as viguesas e vigueses “xa padecemos” un hospital Álvaro Cunqueiro recortado e privatizado (e cun sobrecuste de 470 millóns de euros), o desmantelamento parcial do Meixoeiro e a “anomalía” de que máis de 100.000 persoas reciban atención en Povisa con menos persoal e sen as mesmas condicións que na rede pública.
E tamén unha Atención Primaria “ao bordo do colapso”, con esperas de até 3 semanas para lograr unha cita en moitos centros de saúde e cun PAC “raquítico” e sen pediatra. Como mostra, sinalou a “tomadura de pelo” do centro de saúde “talla bonsai” en Bouzas, que só conta na actualidade cun médico de familia e ten un 85% menos da capacidade asistencia prometida.



