Denuncia que o pasado 2025 o Goberno municipal só executou o 3,4% do Plan de Beirarrúas nos Barrios, investindo apenas 15 mil dos máis de 443 mil euros orzamentados
A fronte nacionalista reitera a demanda de poñer en marcha un Plan Cidade con investimentos en todos os barrios e parroquias
Xabier P. Igrexas: “A cidade real, a que existe fóra das maquetas e das infografías, da que non fala o alcalde nin sae nos seus selfies, padece todos os días do ano un absoluto desleixo e falla de xestión”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo criticou o “estado de abandono” que padecen numerosas rúas e espazos públicos da cidade e reclamou ao alcalde, Abel Caballero, un cambio de prioridades na xestión municipal.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, pediu ao rexedor que “dedique menos tempo da súa axenda a infografías e primeiras pedras, e que o seu Goberno preste máis atención ao estado de abandono que continúan a padecer un número moi importante de rúas e espazos públicos da cidade”.
Como exemplo, Igrexas sinalou a pasarela peonil entre a avenida de Castrelos e a Travesía da Ponte Romana e Portanet. “Un paso utilizado desde hai moitísimos anos pola veciñanza, pero que leva varios meses clausurado cun valado provisional de obra, após anos de abandono e falla de mantemento”, denunciou.
Atender a “cidade real”
Igrexas contrapuxo esta situación coa imaxe que proxecta o Goberno local: “A cidade real, a que existe fóra das maquetas e das infografías, da que non fala o alcalde nin sae nos seus selfies, padece todos os días do ano un absoluto desleixo e falla de xestión”.
“O único que lle preocupa a Abel Caballero son as inauguracións, pero presta cero atención en manter adecuadamente os espazos públicos que xa existen”, engadiu.
O portavoz nacionalista cualificou de “absolutamente indecente” a desatención municipal, apoiándose en datos oficiais. Así, explicou que dun orzamento de máis de 443.000 euros para o Plan de beirarrúas nos barrios, “o pasado ano só gastou 15.000 euros, pouco máis dun 3%”. “De cada 100 euros dunha partida xa insuficiente e recortada á metade nos últimos anos, o Goberno local só gastou 3 euros en manter as rúas dos nosos barrios e parroquias”, denunciou.
Reverter o abandono
Desde o BNG defenden que Vigo “merece un Concello que atenda todos os días do ano os 110 quilómetros cadrados de cidade, e non só os ámbitos máis vistosos”, facendo uso dos recursos públicos para dar resposta ás necesidades da cidade.
“Mais para iso sería necesario un verdadeiro Goberno municipal que xestione e goberne, non apenas a comparsa que fai de atrezo dun alcalde que só se encarga do seu personalísimo autobombo”, afirmou Igrexas.
A fronte nacionalista reiterou a súa proposta de poñer en marcha un Plan Cidade, un programa de investimentos en barrios e parroquias para mellorar espazos públicos, ampliar zonas verdes e reforzar os servizos con novas dotacións.
“O que merecen as viguesas e vigueses é que o Concello utilice os inmensos recursos cos que conta para atender as necesidades reais da cidade”, concluíu.

