HomePontevedraO BNG de Vigo critica que o Goberno municipal “negue a realidade...

O BNG de Vigo critica que o Goberno municipal “negue a realidade lamentábel” que padecen as instalacións deportivas

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista, a través do seu concelleiro Filipe Abalde, defendeu no Pleno unha moción reprobando a “nefasta xestión” do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e esixindo solucións. A moción foi rexeitada polo voto en contra do PSOE

Desde o Goberno municipal, en resposta por escrito á denuncia do BNG, négase o alcance real dos problemas pero anuncia a devolución parcial das cotas á veciñanza afectada

Este mesmo luns, o Concello notificou que van estar pechados en horario de tarde durante todo o mes de xullo o ximnasio do Carme, as instalacións de Samil e o pavillón das Travesas

Xabier P. Igrexas: “Por máis que o neguen o emperador está espido e, a pesar do avultado resultado electoral e da súa maioría absolutísima, os ximnasios municipais non abren, as pistas de atletismo e os pavillóns caen a cachos e non hai aínda nova piscina en Teis”

O Bloque Nacionalista Galego criticou que o Goberno municipal “negue a realidade lamentábel” das instalacións deportivas de Vigo, afeando a “cero autocrítica e cero propósito de emenda” por parte do executivo de Abel Caballero.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou como un “feito moi lamentábel e un insulto á intelixencia da veciñanza” a posición adoptada polo Grupo Municipal Socialista no debate plenario sobre a situación de abandono que padecen as instalacións deportivas municipais, e que foi provocado por unha moción do BNG esixindo ao Goberno local que actúe para arranxar as graves deficiencias que presentan e para garantir o seu funcionamento e apertura.

“En lugar de tomar nota das denuncias veciñais e adoptar medidas para resolver os problemas, o que fixo Abel Caballero foi directamente negalos, chegando a presumir dunha xestión deportiva que obxectivamente só se pode cualificar de nefasta”, criticou Igrexas.

 Este propio luns, denuncian dende a fronte nacionalista, o Concello notificou que van estar pechados, en horario de tarde durante todo o mes de xullo, o ximnasio do Carme, as instalacións de Samil e o pavillón das Travesas.

Aliás, o portavoz municipal nacionalista retrucou, no propio Pleno, o argumento da avultada maioría absoluta que sostén ao Goberno e que foi esgrimido polo seu voceiro, Carlos López Font, como xustificación. “Por máis que o neguen o emperador está espido e a pesar do avultado resultado electoral e da súa maioría absolutísima os ximnasios municipais non abren, as pistas de atletismo e os pavillóns caen a cachos e non hai aínda nova piscina en Teis”, espetoulle Igrexas.

Moción urxindo solucións

O concelleiro Filipe Abalde foi o encargado de defender no Pleno de hoxe a moción do BNG coa que solicitaban reprobar o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, pola “nefasta” xestión das instalacións deportivas municipais, esixindo a súa rectificación ou cesamento.

Abalde denunciou o “abandono absoluto” de equipamentos como as pistas de atletismo de Balaídos, en estado ruinoso, o campo da ETEA sen iluminación, os pavillóns de Navia, Bouzas, Quirós e Travesas con problemas estruturais, e a piscina de Teis, pechada hai tres anos. Abalde criticou os peches dos ximnasios do Carme, Berbés e Samil, onde a cidadanía paga cotas sen poder usalos, e a redución do persoal municipal de 78 a 36 traballadores desde 2013, xunto coa privatización dos servizos tras o desmantelamento do IMD.

A moción do BNG propuña medidas urxentes: reparar as deficiencias, garantir a apertura das instalacións, elaborar un plan integral de mellora con orzamento suficiente, devolver as cotas aos usuarios afectados e suspender o seu cobro. Tamén instaba á Xunta a financiar melloras, como o convenio de 2009 para as pistas de atletismo. A iniciativa foi rexeitada polo voto en contra do grupo municipal do PSOE.

Abalde tamén expresou na sesión plenaria o apoio do BNG á manifestación cidadá de hoxe, reclamando instalacións deportivas dignas. A mobilización, impulsada pola FAVEC e diferentes colectivos veciñais e de persoas usuarias, partirá ás 19:00h desde o pavillón do Carme.

Resposta insultante

Desde o BNG tamén cargaron contra a resposta por escrito que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, emitiu diante da denuncia e solicitude de información rexistrada a semana pasada polo grupo municipal nacionalista.

A contestación insiste en negar a realidade obxectiva, que padecen centenas de usuarias e usuarios, atrevéndose a afirmar que os constantes e reiterados feches de instalacións deportivas municipais foron “puntuais” e estiveron “resoltos de forma case inmediata”. Ademais, segundo Fernández, as numerosas incidencias rexistradas polo deficiente mantemento son xestionadas “actuacións rápidas e eficientes que en xeral resolven calquera problema detectado con carácter inmediato”.

“É claro con esta contestación insultante o señor Fernández decidiu seguir a ser parte do problema negándose a asumir ningunha crítica e sen ningún propósito de resolver a situación caótica que padece a concellaría de Deportes e que prexudica á veciñanza e aos clubes”, valorou Igrexas.

O único elemento positivo é que, grazas á presión do BNG e a reivindicación veciñal, o Goberno municipal recoñece que está a tramitar a devolución “proporcional” das cotas abonadas polas persoas usuarias afectadas. No entanto, desde a fronte nacionalista, insisten en demandar a devolución total e que non se cobren novas cotas até que se garanta o funcionamento regular e adecuado de todas as instalacións.

Publicacións Relacionadas