A fronte nacionalista denuncia que a “pinza entre socialistas e populares” impide un cambio de modelo ZBE que se centre en ofrecer alternativas ao uso do coche particular
Xabier P. Igrexas: “O rexeitamento de PSOE e PP é unha oportunidade perdida para facer de Vigo unha cidade máis habitábel, máis saudábel e máis xusta”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo lamentou hoxe que PSOE e PP rexeitasen este luns no Pleno a moción da fronte nacionalista que propoñía deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno e abrir un proceso participativo real para definir un modelo alternativo de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) máis xusto, eficaz e adaptado á realidade de Vigo.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que a decisión da “pinza entre socialistas e populares” confirma a súa vontade de impor un modelo limitado, fragmentado e profundamente inxusto, baseado en restricións por tipo de vehiculo e multas. “O repto non é cambiar coches de combustión por eléctricos, senón en facer que usar o coche deixe de ser obrigatorio para a maioría, ofrecendo alternativas en lugar de castigar con multas”, enfatizou.
Un modelo fracasado e inxusto
Para o BNG, o máis grave é que o modelo defendido polo Goberno de Abel Caballero non aborda as causas reais do colapso da mobilidade, nin vai acompañado de investimentos adicionais en transporte público, nin de máis frecuencias, nin de tarifas máis accesíbeis, nin de alternativas reais ao uso do vehículo privado.
“O PSOE e o PP decidiron votar en contra dunha proposta que buscaba facer as cousas ben e coa xente, optando por importar unha mala copia de Madrid Central que castiga a ampla maioría social que non pode mercar un novo coche híbrido ou eléctrico”, advertiu Igrexas. O portavoz cargou con dureza contra a posición “ridícula e irresponsábel” do PP vigués, sinalando que “por un lado din non querer as ZBE de Caballero e por outra votan en contra da alternativa en positivo do BNG, que modelo ten o PP? Aplicar peaxes como na AP-9 ou como se fai en Londres?”, inquiriu.
Desde o BNG critican que o Goberno local se negase a abrir calquera espazo de participación cidadá, rexeitando a celebración de asembleas nos barrios, a implicación do tecido asociativo e o debate democrático no Pleno. “O que se impón é un modelo de ZBE deseñado desde os despachos, sen diálogo e sen consenso, que converte unha ferramenta que debería servir para mellorar a calidade de vida nun mecanismo de control e recadación”, denunciou Igrexas.
A fronte nacionalista insiste en que as ZBE non poden ser un trámite imposto por decreto nin unha operación de márketing político. “Estamos a falar do modelo de cidade, do dereito a moverse, da saúde pública e da xustiza social”, subliñou Igrexas.
A proposta do Bloque apostaba por unha ZBE entendida como oportunidade para reducir tráfico innecesario, recuperar espazo público para as persoas, calmar a circulación e apostar decididamente por camiñar, pola bicicleta e polo transporte colectivo.
“Vigo merece algo moito mellor”
“O rexeitamento de PSOE e PP é unha oportunidade perdida para facer de Vigo unha cidade máis habitábel, máis saudábel e máis xusta”, concluíu Igrexas. “Vigo non precisa máis imposicións nin propaganda: precisa avanzar cara outro modelo de mobilidade que poña as persoas no centro e entenda o dereito a moverse como un dereito colectivo, non como un privilexio condicionado á renda”.
O BNG reiterou que seguirá defendendo un modelo alternativo de ZBE, construído coa veciñanza e pensado para mellorar a cidade, fronte á imposición dun sistema sancionador que “non resolve os problemas e agrava as desigualdades”.



