O BNG de Vigo dá 72 horas a Caballero para escoller: comparecencia voluntaria pola imputación do Saltamontes ou Pleno extraordinario

Redacción

A fronte nacionalista reitera a esixencia realizada o pasado venres de que o alcalde dea explicacións públicas como máximo responsábel municipal

Reprocha que o PP “busque sacar rédito partidista cunha estratexia frívola e oportunista”

Xabier P. Igrexas: “É inconcibíbel que un feito tan grave e sen precedentes non provoque de maneira inmediata a comparecencia de Caballero”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve reclamar a comparecencia pública do alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras a imputación xudicial da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, polo accidente do Saltamontes. A fronte nacionalista reitera a esixencia realizada o pasado venres e advirte de que, en caso de que o rexedor insista no seu silencio, promoverá xunto ao resto da oposición a convocatoria dun Pleno extraordinario.

Así o anunciou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, nunha rolda de prensa na que respondeu tamén ás acusacións realizadas polo PP de Vigo. “En canto se coñeceu a imputación penal, o BNG demandamos o seu cesamento inmediato e pedimos a comparecencia de Abel Caballero perante o Pleno así como a creación dunha Comisión de Investigación”, afirmou Igrexas.

Ao día seguinte de facerse pública a imputación, a fronte nacionalista rexistrou formalmente a solicitude para que o alcalde “dea a cara de maneira urxente”. Pola súa banda, o PP anunciou que ía promover un Pleno extraordinario sen ter realizado ningún contacto previo co BNG, a pesar de que non contan co número de sinaturas necesarias.

Estratexia frívola do PP

Igrexas revelou que a voceira popular, Luísa Sánchez, enviou ao BNG o pasado sábado ás 12:11h a proposta para ese Pleno, e 40 minutos despois emitiu unha nota de prensa asegurando que “activaban” a convocatoria. Este luns, sen ter recibido ningunha resposta do Bloque nin terse celebrado ningunha xuntanza entre os grupos, o PP anunciou que levarían o asunto como moción ao Pleno ordinario.

O portavoz municipal nacionalista afeou que o PP “busque sacar rédito partidista” dun asunto tan grave, tachando de “irresponsabilidade a sobreactuación e hiperxesticulación” da súa voceira. Subliñou a ese respecto que a convocatoria dun Pleno extraordinario non garante que o alcalde compareza e que, incluso, podería ausentarse como adoita ocorrer noutras sesións plenarias.

“O BNG non se vai deixar arrastrar a esa estratexia de frivolidade e impaciencia oportunista”, avisou Igrexas, lembrando que o propio grupo popular estivo meses cuestionando que as esixencias de seguridade reforzadas após o tráxico accidente do Saltamontes impedisen a instalación de atraccións nas festas, o que ao seu xuízo “evidencia que o seu compromiso coa seguridade é claramente intermitente”.

Comparecencia do alcalde ou Pleno extraordinario

Para a fronte nacionalista o primeiro paso é que o alcalde, como máximo responsábel municipal, compareza de forma urxente para “dar as explicacións que leva 21 meses negándolle á cidade”. Afeou que a única resposta do Goberno municipal fose un audio de medio minuto do voceiro Carlos López Font ratificando a confianza na concelleira de Seguridade imputada por un delito de homicidio imprudente.

“É inconcibíbel en termos de pura hixiene democrática e normalidade institucional que diante dun feito tan grave e sen precedentes, como a imputación penal dunha concelleira do Goberno, non provoque de maneira inmediata a comparecencia do alcalde”, defendeu.

En caso de que Caballero se negue a dar as explicacións antes do venres, cando se cumpriría unha semana da solicitude formal, o portavoz do Bloque mostrouse disposto a promover de forma conxunta co resto da oposición un Pleno extraordinario. Así llo comunicou Igrexas este mesmo martes por escrito á voceira do PP, propoñendo unha xuntanza entre ambos para acordar os termos desa sesión.

“Cremos que o camiño é este: o da seriedade, o do rigor, o de antepoñer as cuestións de fondo aos tics oportunistas”, afirmou Igrexas sobre as acusacións da súa homóloga no PP, a quen lle pediu “respecto” cara o resto de grupos e a institucionalidade municipal. 

Comparte este artigo