HomePontevedraO BNG de Vigo defende a remunicipalización da auga para abaratar o...

O BNG de Vigo defende a remunicipalización da auga para abaratar o recibo e mellorar a xestión

- Anuncio -spot_img

Pide crear un Grupo de Traballo no Concello para definir un novo modelo integral da xestión da auga e un novo sistema de tarifas fronte á “estafa imposta por Abel Caballero”

Denuncia o mal servizo da concesionaria privada con incidencias e cortes constantes

Xabier P. Igrexas: “A fin da prórroga de Aqualia abre a posibilidade de deixar atrás este modelo ineficiente e caro para poñer baixo xestión pública un ben imprescindíbel”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) aposta pola remunicipalización do servizo da auga en Vigo para abaratar o recibo, o máis caro de Galiza e dos máis elevados do Estado, e para mellorar unha xestión privada que tacha de “ineficiente”. Así o defendeu este xoves o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, diante da próxima fin da prórroga da concesión de Aqualia.

A fronte nacionalista demanda crear un Grupo de Traballo específico no seo da Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, con participación do tecido asociativo e de persoas expertas, para definir un novo modelo integral da xestión da auga para “deixar atrás a estafa imposta polo rodete absolutista de Abel Caballero” en 2021 co cambio do sistema de tarifas.

Igrexas acusou o Goberno municipal de aplicar un modelo que non contempla un pago por consumo real e con descontos “ridículos”, de só medio euro ao mes para un número moi limitado de fogares vigueses. Un novo sistema tarifario que, pola contra, elevou un 276% as cotas fixas para usos domésticos e un 531% para o comercio de proximidade e as pequenas e medianas empresas, como recoñecía a propia intervención municipal. “O BNG xa advertimos que non ía supoñer nin moito menos un aforro real”, lembrou.

Nese sentido, un recente informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de situar Vigo como a cidade galega co recibo máis caro e un dos máis elevados de todo o Estado, superando os prezos de capitais e urbes como Madrid, Zaragoza, Oviedo, Xixón, Donostia, Valladolid, Iruña ou Vitoria-Gasteiz.

O portavoz municipal nacionalista criticou tamén o “mal servizo” que se presta co actual modelo privatizado, afeando as incidencias e cortes de subministro “constantes” nos barrios e parroquias. Lamentou tamén a falla de vontade da concesionaria e do Goberno local para realizar unha auditoría da rede para corrixir as perdas de auga que, nalgúns puntos da cidade, chegan ao 30%.

Control democrático dun ben esencial

Coa proposta de remunicipalizar o servizo, o Bloque pide seguir o camiño doutras cidades como Terrasa ou Valladolid, e de grandes capitais europeas como París e Berlín, que reverteron a privatización do servizo. “A xestión pública é a maneira de garantirmos que un ben imprescindíbel como a auga estea baixo control democrático”, valorou Igrexas.

Para o BNG a inminente fin da prórroga da concesión de Aqualia, “que lle agasallou o alcalde incumprindo as súas propias promesas e hipotecando a cidade por cinco anos”, abre unha oportunidade para “recuperar a soberanía” sobre a auga.

Igrexas destacou que a remunicipalización vai dar prioridade ao servizo público sobre o lucro privado, cunha mellor planificación, tarifas máis xustas e favorecendo a participación cidadá. “Para xestionar este recurso vital como un dereito e non como unha mercadoría para que uns poucos fagan un gran negocio”, remachou.

Publicacións Relacionadas