O BNG de Vigo defenderá no Pleno o cumprimento da Lei de Costas para garantir o acceso público ao litoral

adminON
Lectura mínima de 4

Formula unha emenda a unha moción do PSOE para incluír a demanda de que Goberno español e Xunta, en colaboración co Concello, actúen para que se respeiten as servidumes de tránsito para poder desenvolver sendas peonís de acceso público en toda a faixa costeira

A fronte nacionalista propón a creación dunha Mesa Local do Litoral, con presenza de todas as administracións, a UVigo, colectivos de defensa ambiental e movemento veciñal

Xabier P. Igrexas: “Non se trata de ‘abrir Vigo ao mar’, trátase de entender que somos unha cidade que existe ao pé do mar e que ten que deixar de virarlle as costas como parte dun modelo de cidade moito máis sustentábel”

VO Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no próximo Pleno municipal unha emenda a unha moción do Grupo Municipal Socialista sobre a ordenación do litoral, para demandar que se garanta o cumprimento da Lei de Costas en toda a faixa costeira de Vigo. A iniciativa busca promover a creación de sendas peonís de acceso público, asegurando que o litoral sexa patrimonio de toda a cidadanía.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, explicou que o obxectivo é que o Pleno acorde demandar ao Goberno central e á Xunta de Galiza que actúen, en colaboración co Concello, para que a lei se cumpra. “A Lei é clara e mandata que ten haber pasos de como mínimo 6 metros de largo, que naqueles espazos de difícil acceso poden aumentarse até os 20”, defendeu.

No entanto, o voceiro nacionalista denunciou que a norma segue sen aplicarse nunha parte moi importante da cidade. “Non só na Illa de Toralla, onde grazas ao impulso e as iniciativas do BNG o Ministerio está a avanzar para a recuperación do espazo público para desfrute de toda a veciñanza, senón tamén en Oia, Saiáns, Coruxo e na práctica totalidade das parroquias litorais”, afirmou Igrexas.

Non máis coutos VIP

“Fronte ao modelo privatizador e propio doutras épocas co que partes importantes do noso litoral se converteron en coutos privados para urbanizacións VIP, o BNG defendemos que o litoral da cidade é patrimonio de todas e de todos”, defendeu Igrexas. A iniciativa busca reconciliar Vigo coa súa faixa costeira, promovendo un modelo de cidade máis sustentábel a nivel ambiental.

Mesa Local do Litoral

A emenda do BNG tamén propón a creación dunha Mesa Local do Litoral, integrada por todos os grupos municipais da Corporación, representantes da Xunta de Galiza, do Goberno español e da Autoridade Portuaria, a Universidade de Vigo, colectivos de defensa ambiental e representantes do movemento veciñal. Este espazo terá como obxectivo analizar e definir medidas en favor da protección e valorización da faixa litoral da cidade, así como avaliar e actualizar o Plan Estratéxico do Litoral.

“Non se trata de ‘abrir Vigo ao mar’, trátase de entender que somos unha cidade que existe ao pé do mar e que ten que deixar de virarlle as costas como parte dun modelo de cidade moito máis sustentábel a nivel ambiental”, explicou Igrexas.

Comparte este artigo