Home Pontevedra O BNG de Vigo defenderá no Pleno unha alternativa máis xusta e...

O BNG de Vigo defenderá no Pleno unha alternativa máis xusta e eficiente ás Zonas de Baixas Emisións deseñadas por Caballero

0
2

A fronte nacionalista propón unha moción para deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno e para elaborar de maneira participativa un modelo diferente de ZBE para toda a cidade e que non inclúa perímetros restrinxidos e multas

Xabier P. Igrexas: “As ZBE teñen que ser unha ferramenta para facer Vigo máis habitábel, máis saudábel e máis xusto, ofrecendo alternativas ao uso do coche en lugar de multas a quen non pode comprar un vehículo eléctrico”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo levará ao Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará o vindeiro luns, unha moción para rexeitar a “mala copia de Madrid Central” que quere impoñer Abel Caballero co seu modelo de Zonas de Baixas Emisións. A fronte nacionalista oponse a creación de catro perímetros nos que se restrinxa o acceso en función do tipo de vehículos e a implantación de sistema de videovixilancia para aplicar multas.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu hoxe de que a cidade arrastra un grave problema estrutural de mobilidade, froito dun modelo que durante décadas priorizou o vehículo privado fronte a alternativas máis xustas e sustentábeis. Neste sentido, lembro que Vigo é “a cidade da península con máis vehículos por habitante”, cun tráfico colapsado, un espazo público crecente ocupado polos coches e un impacto directo na saúde da veciñanza, con contaminación do aire, ruído excesivo e unha sinistralidade viaria inaceptábel.

Alternativas fronte a multas

Neste contexto, Igrexas subliñou que as Zonas de Baixas Emisións non poden converterse “nun simple trámite nin nunha imposición aparentemente técnicas”. Polo que  criticou que o Goberno de Abel Caballero optase por un modelo “limitado e fragmentado en pequenos perímetros”, sustentado no control por cámaras, na vixilancia masiva e, inevitablemente, nas sancións económicas.

“É un modelo caro, pouco eficaz a nivel ambiental e profundamente inxusto socialmente”, denunciou, lembrando que, malia que se insiste en que non haberá multas, a propia documentación oficial recoñece a existencia dun réxime sancionador que entrará en vigor en 2026.

Para o portavoz do BNG, o problema de fondo é que se presenta a ZBE como unha medida ambiental mentres “non se inviste nin un euro máis en mellorar o transporte público, aumentar frecuencias, abaratar tarifas ou ofrecer alternativas reais ao uso do coche”. “O que se fai é castigar a quen non pode cambiar de vehículo, á maioría socia mentres se favorece a quen pode mercar coches novos con etiqueta ambiental”, advertiu Igrexas. “O repto non é substituír vehículos de combustión por eléctricos, senón reducir o uso do coche particular na cidade”, enfatizou

Outro modelo de ZBE é posíbel

Desde o BNG deféndese un modelo alternativo de ZBE, concibido como parte dun proxecto integral para toda a cidade e non reducida a “catro illas”. Un modelo que actúe sobre as causas e non só sobre os síntomas, que reduza o tráfico innecesario, calme a circulación, recupere espazo público para as persoas e aposte decididamente por camiñar, polo uso da bicicleta, de vehículos de mobilidade persoal e, sobre todo, do transporte colectivo.

“O noso obxectivo é unha ZBE entendida como oportunidade e non como castigo; unha ferramenta para facer Vigo máis habitábel, máis saudábel e máis xusta, ofrecendo alternativas ao uso do coche en lugar de multas”, afirmou Igrexas. A alternativa do BNG foi elaborada atendendo recomendacións expertas e as indicacións de entidades como a Rede de Cidades que Camiñan.

Participación real fronte á imposición

O portavoz nacionalista reclamou que calquera cambio deste alcance se faga contando coa veciñanza, con participación real a través de asembleas nos barrios, co tecido asociativo, cos consellos sectoriais e cun debate democrático no Pleno.

“Vigo non precisa máis imposicións nin máis propaganda. Precisa un proxecto serio de mobilidade que poña a vida no centro e entenda o dereito a moverse como un dereito colectivo, non como un privilexio condicionado á renda”, concluíu.

Neste sentido, na moción nacionalista proponse deixar sen efecto o acordo da Xunta de Goberno e iniciar un proceso participativo para definir un modelo de Zonas de Baixas Emisións distinto “á mala copia de Madrid Central” que pretende implantar o Goberno de Abel Caballero.