Propón un grande acordo entre Concello, Universidade de Vigo, Xunta de Galiza e Ministerio de Vivenda para aumentar a “insuficiente” oferta actual, con só 210 prazas públicas, e diante dos “prezos imposíbeis” dos aloxamentos privados
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir expulsando de Vigo todo ese enorme potencial de coñecemento e talento”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda 500 prazas máis nas residencias públicas de estudantes de Vigo diante da “insuficiente” oferta actual na cidade e dos “prezos imposíbeis” nos aloxamentos privados. A fronte nacionalista propón que se materialice a través dun grande acordo entre Concello, Universidade de Vigo, Xunta de Galiza e Ministerio de Vivenda co obxectivo de poñer en marcha novos aloxamentos públicos a prezos accesíbeis para estudantes e para mocidade que reside na cidade por motivos laborais ou de investigación.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu esta necesidade diante do “gravísimo” problema de acceso social á vivenda na cidade, que afecta con “maior crueza” a estes colectivos. Lamentou que Vigo non conte cunha oferta suficiente de residencias públicas malia ser unha cidade universitaria e ter unha ampla oferta de ciclos de formación profesional. A este feito se engaden os “prezos absolutamente imposíbeis” dos aloxamentos privados, tamén para habitacións en pisos compartidos.
Igrexas pediu o compromiso de todas as Administracións públicas para conseguir ampliar a oferta pública actual, con tan só 210 prazas nas residencias do CUVI e Altamar, e sumar como mínimo outras 500. Esta medida vai ser trasladada polo portavoz nacionalista no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo, para que sexa o Goberno municipal quen tome a iniciativa e promova este acordo co resto de entidades.
Dende o Bloque chamaron así a garantir o financiamento necesario para ampliar as prazas públicas, lembrando o anuncio “con gran bombo mediático” do ministerio de Educación, o pasado mes de outubro, da posta en marcha dun protocolo para a promoción de vivendas destinadas a estudantes universitarios.
“Non podemos aceptar que a situación de emerxencia habitacional que atravesa Vigo sexa unha barreira económica máis que impida ás fillas e fillos das clases populares e traballadoras cursar os seus estudos universitarios, de formación profesional ou traballos de investigación na nosa cidade”, afirmou Igrexas.
O portavoz municipal do BNG asegurou que Vigo non pode seguir “expulsando todo ese enorme potencial de coñecemento e talento”, esenciais para facer avanzar a cidade no camiño de se converter “na capital galega do futuro”, cunha aposta decidida pola innovación, a tecnoloxía e as comunicacións.