Chama a abrir un proceso de participación para deseñar un modelo que reduza o tráfico e as emisións “sen castigar” a quen non pode permitirse un coche eléctrico ou híbrido
A fronte nacionalista aposta pola mellora do transporte público, da mobilidade peonil e ciclista
Xabier P. Igrexas: “O Bloque defendemos unha transición ecolóxica que non deixe ningunha persoa atrás, con alternativas para transformar a cidade e gañar en calidade de vida”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que retire o seu proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) por “inxusto, restritivo e socialmente regresivo”. A fronte nacionalista celebra que o modelo de multas definido polo Goberno municipal non entrase aínda en vigor, como estaba previsto este novembro, e chama a abrir no seu lugar un proceso participativo para deseñar unha alternativa fronte ao que cualifica de “mala copia de Madrid Central”.
Así o reclamou este xoves o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, defendendo o plan integral proposto dende o inicio polo BNG para reducir o uso do vehículo privado, dando alternativas reais coa mellora do transporte público e a promoción da mobilidade peonil e ciclista recupere espazo para as persoas. “Vigo non necesita un sistema de sancións que serven máis para recadar que para transformar”, subliñou.
Un modelo que, puxo en valor Igrexas, está recomendado por voces expertas como a Rede de Cidades que Camiñan: facer de todo Vigo unha ZBE, pero sen restricións por tipoloxía de vehículo que, criticou, privilexian a aquela cidadanía que se pode permitir un coche eléctrico ou híbrido mentres “castiga con sancións” a unha ampla maioría social.
Un modelo de consenso
De cara a definir esta alternativa, dende o Bloque piden iniciar un proceso de participación en busca dun consenso en lugar do modelo que “pretende impoñer” o alcalde. Neste sentido, solicita a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transporte, Accesibilidade, Medio Ambiente e o Consello Social da Cidade — e abrindo foros abertos á veciñanza — para deseñar “medidas reais e efectivas” para reducir o tráfico e as emisións na cidade.
A fronte nacionalista segue á espera de que o Goberno municipal responda ao recurso formulado o pasado mes de outubro contra o proxecto de ZBE de Caballero, baseada en catro perímetros (Centro, Bouzas, Calvario e Praza de Portugal) con controis automatizados de acceso e sancións de até 200 euros. “Este modelo é inxusto, restritivo e socialmente regresivo, ademais dunha fórmula ineficaz e ineficiente para reducir de verdade a contaminación”, valorou o portavoz nacionalista
1,5 coches por cada 2 habitantes
Dende o Bloque defenderon a necesidade dunha transición ecolóxica “que non deixe ningunha persoa atrás” e que aposte por unha “mobilidade alternativa para transformar a cidade e gañar en calidade de vida”, no camiño de avanzar cara a un Vigo “máis habitábel, saudábel, sustentábel e moito máis verde”.
Lembraron a ese respecto que a cidade ten o parque móbil máis grande de todas as cidades da península, con 1,5 vehículos por cada 2 habitantes, con 300 mil desprazamentos cada día que producen 600.000 toneladas de CO2, “insoportábeis” niveis de ruído e case 2. 500 accidentes de tráfico ao ano. “Do que se trata é de reducir o uso do coche e non a substitución de vehículos de combustión por eléctricos”, remachou Igrexas.



