HomePontevedraO BNG de Vigo demanda adiantar as solicitudes das bolsa de comedor...

O BNG de Vigo demanda adiantar as solicitudes das bolsa de comedor escolar xunto coa matriculación

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista pide abrir de forma simultánea ambos trámites a partir o vindeiro 1 de marzo para evitar que se resolvan as axudas, un ano máis, co curso xa iniciado

Xabier P. Igrexas: “Falamos de máis de 4.000 familias que non poden ser castigadas coa incerteza dunha burocracia lenta, e que provoca afogo económico en moitas ANPAs”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda adiantar a convocatoria das bolsas de comedor e material escolar do Concello de Vigo. A fronte nacionalista pediu este luns, na Comisión Informativa de Educación, que o Goberno local abra o trámite de forma simultánea ao proceso de matriculación, o 1 de marzo, para garantir que todas as axudas estean resoltas antes do inicio do vindeiro curso escolar.

“Falamos de máis de 4.000 familias que non poden ser castigadas coa incerteza dunha burocracia lenta”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación ás demoras rexistradas este curso e os pasados anos. Uns atrasos que, alertou, teñen provocado “situacións de afogo económico” en moitas ANPAs por se veren obrigadas a anticipar con recursos propios os custos do servizo.

Comedor desde o primeiro día de curso

Para Igrexas esta medida permitiría axilizar a tramitación para que todas as familias coñezan no arranque das aulas se son beneficiarias das bolsas de comedor e material escolar e garantir o servizo dende o primeiro día. “Para evitar que haxa crianzas que, precisando do servizo de comedor, non acudan pola incerteza de se están ou non becadas”, subliñou, lembrando que para moitos fogares é unha “axuda fundamental” e a condición para que poidan acudir ao servizo.

Dende o BNG afirmaron que esta situación afectou nos últimos cursos con maior intensidade ás familias de baixos ingresos, moitas delas en situación de vulnerabilidade social, ao estar privadas dun servizo esencial para garantir a alimentación dos seus fillos e fillas até que se resolven as axudas.

Partida orzamentaria en vigor

O portavoz municipal do Bloque asegurou que non existen motivos para impedir que adiante e axilice esta convocatoria, posto que xa conta cunha partida orzamentaria en vigor dende o 1 de xaneiro deste 2026. Considerou que a tramitación do presente curso, malia ter acurtado os prazos de forma lixeira a respecto de anteriores anos, continuou a ser insuficiente por manter ás familias durante todo o primeiro trimestre sen resolución.

 “Non hai argumento nin escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de máis de 350 millóns de euros para este 2026, teña a crianzas que precisan do servizo de comedor escolar sen poder facer uso del por culpa da incompetencia do Goberno municipal”, defendeu Igrexas.

Publicacións Relacionadas