Defende un “corazón da cidade máis verde” para mellorar o benestar, a saúde urbana e a sustentabilidade ecolóxica fronte ao “artificio permanente” do Goberno municipal
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero volve demostrar cal é o seu modelo para Vigo: unha cidade escaparate, máis pensada para a foto de Instagram que para a vida diaria”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda árbores na Porta do Sol. A fronte nacionalista reacciona así ao anuncio do alcalde de Vigo, que está a estudar a posibilidade de instalar un “photocall cambiante” no corazón da cidade, similar ao utilizado durante os pasados días con motivo da Exposición Internacional da Camelia.
“O mellor photocall que pode ter Vigo é unha Porta do Sol menos gris e moito máis verde”, defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “insulto á intelixencia” que a solución do Goberno local para humanizar este espazo sexa colocar unhas letras para que turistas fagan fotos.
Igrexas denunciou que a Porta do Sol continúa a ser unha “praza dura que no verán se converte nun auténtico forno”. Reiterou, por este motivo, a necesidade de naturalizar o actual “deserto empedrado” no quilómetro cero da cidade para convertelo nun lugar máis habitábel para as viguesas e vigueses.
O portavoz municipal do Bloque cuestionou que o Goberno de Caballero continúe a apostar polo “artificio permanente e os adornos” en lugar de dar prioridade a cuestións como a emerxencia climática, construíndo unha cidade máis saudábel e preparada para as altas temperaturas.
“O Goberno de Abel Caballero volve demostrar cal é o seu modelo para Vigo: unha cidade escaparate, máis pensada para a foto de Instagram que para a vida diaria da veciñanza”, afeou Igrexas. “A Porta do Sol precisa verde e árbores, non máis decorados de quita e pon”, reclamou, advertindo de que esta demanda non se atende con “ocorrencias” como as palmeiras metálicas instaladas no último Nadal.
Promesa de Caballero en 2023
Naturalizar os espazos urbanos debe ser, a xuízo da fronte nacionalista, unha cuestión de benestar, de saúde urbana e de sustentabilidade ecolóxica e non “puramente estética”. Nese sentido, pide que o Goberno municipal cumpra coa promesa realizada polo propio Caballero en 2023 de instalar árbores na Porta do Sol.
“Porque Vigo merece un corazón da cidade que se poida vivir e que se poida respirar, non só unha cidade pensada para ser fotografada”, remachou o portavoz municipal nacionalista. “Fronte a este modelo escaparate, o BNG defendemos unha cidade moito máis verde e que poña a vida e a saúde das persoas no centro das políticas urbanas”.



