A fronte nacionalista reclama información detallada sobre a modificación aprobada pola concelleira de Urbanismo para pasar de 157 a 181 novas vivendas nesta promoción VIP
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses que están a padecer o grave problema da vivenda merecen saber cantas no Barrio do Cura se van ofrecer a prezos accesíbeis”
O Bloque Nacionalista Galego demanda coñecer cantas vivendas protexidas se proxectan no Barrio do Cura. A fronte nacionalista reclama así información detallada sobre a modificación aprobada polo Goberno municipal de Abel Caballero que permite aumentar de 157 a 181 o número de novas vivendas nesta promoción VIP en pleno corazón da cidade.
Así o esixiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após a falla de explicacións da edil de Urbanismo, María José Caride, sobre esta modificación no Consello da Xerencia decorrido este martes. “Un cambio que a propia resolución recoñece que ten un alcance substancial”, salientou, aclarando que en este cambio non vai alterar a edificabilidade total senón só a distribución interior, segundo o documento.
Diante deste cambio relevante, o voceiro nacionalista vén de solicitar acceso ao expediente íntegro polo que se autorizou esta modificación da licenza, e pediu tamén que o departamento de Urbanismo confirme se valorou o impacto dese incremento do 15% en novas vivendas sobre as infraestruturas, dotacións e a propia ordenación pública do ámbito no que se vai desenvolver esta nova promoción.
“As viguesas e vigueses que están a padecer o gravísimo problema de acceso social á vivenda na nosa cidade merecen saber cantas vivendas do Barrio do Cura se van ofrecer a prezos relativamente accesíbeis”, defendeu Igrexas, lembrando que esta promoción é posíbel grazas a que Abel Caballero promoveu unha modificación puntual a medida do PXOM vixente alegando interese público.