Pide habilitar lanzadeiras de bus, aparcamentos disuasorios e garantir corredores de emerxencia diante das situacións de inseguridade e colapso de anos anteriores
Xabier P. Igrexas: “A obsesión de Abel Caballero polas grandes masas de xente non pode poñer en risco a seguridade, a convivencia nin a habitabilidade da propia cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide que o Goberno de Abel Caballero faga públicas as medidas de mobilidade para o Nadal de Vigo deste ano. A fronte nacionalista demanda un “verdadeiro” plan de tráfico que evite o caos circulatorio e as situacións de inseguridade que se viviron en anos anteriores.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que non se coñece aínda nada da planificación a pesar de que o Concello xa iniciou os perímetros para a instalación de ornamento en ámbitos como a avenida García Barbón. Alertou tamén da preocupación polo anuncio dun segundo mercado de Nadal na praza de Vialia, onde teme un colapso de tráfico ao sumarse ás visitas do centro comercial e á estación ferroviaria.
“Queremos saber que medidas vai adoptar o Goberno local para evitar que, un ano máis o modelo caprichoso de Caballero, converta o Nadal nun calvario insoportábel e inseguro”, manifestou Igrexas. A ese respecto, advertiu da ineficacia en anteriores edicións para garantir un tránsito seguro de vehículos e peóns. “Non abonda cun par de planos ou anuncios que nunca se concretan en nada, hai que tomar medidas de verdade”, esixiu.
Dende o Bloque trasladaron propostas como o deseño dun plan de transporte público que reduza a entrada de vehículos na cidade. Entre as medidas, piden habilitar lanzadeiras de bus e aparcamentos disuasorios no IFEVI, acordando o uso de parte do estacionamento do aeroporto e tamén de zonas do propio Porto de Vigo. Nesa mesma liña, dar preferencia semafórica ao paso dos buses e facilitar o acceso de taxis.
Asegurar corredores de emerxencia
De cara a garantir a seguridade, dende a fronte nacionalista chamaron a reforzar “de maneira significativa” o número de efectivos de Policía Local e de Protección Civil. E a asegurar que os corredores de emerxencia, anunciados en anos anteriores pero sen existir na práctica, sexan esta edición unha realidade.
“Non podemos aceptar que un ano máis o deseño irracional do Nadal acabe demorando entre 15 e 20 minutos o tempo de resposta diante de situacións de emerxencia que pode ser, literalmente, cuestión de vida ou morte”, defendeu o portavoz municipal do BNG para evitar que se volvan repetir escenas de vehículos aparcados e peóns invadindo túneles, ou con ambulancias bloqueadas que non poden avanzar.
Nese sentido, Igrexas subliñou que a “obsesión polas grandes masas que raia no patolóxico” do alcalde, Abel Caballero, non pode poñer en risco a seguridade, a convivencia nin a habitabilidade da cidade durante varios meses.



