A fronte nacionalista desvela que o Goberno municipal só logrou incorporar dúas vivendas tras oito meses de programa, pese a que na cidade hai máis de 22.000 inmóbeis baleiros
Xabier P. Igrexas: “Caballero leva case 20 anos de brazos caídos ante a emerxencia habitacional, e agora pretende substituír a inacción por propaganda sen resultados”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda a reformulación do programa de adquisición de vivendas do Concello de Vigo. A fronte nacionalista considera un “fracaso absoluto” que o Goberno municipal de Abel Caballero só lograse incorporar dúas vivendas tras oito meses de proxecto cando na cidade hai na actualidade máis de 22.000 inmóbeis baleiros.
Así o reclamou este martes no Consello da Xerencia de Urbanismo o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que sinalou como problema principal do programa “uns pregos hiperburocráticos e con condicións imposíbeis” para a realidade do mercado da vivenda na cidade. Como exemplo, citou os datos dos principais portais inmobiliarios, onde pouco máis de 200 inmóbeis están por debaixo do prezo tope fixado en 180.000 euros.
“A este ritmo levaría máis de 12 anos recuperar as 40 vivendas do Concello que Abel Caballero decidiu malvender en 2015 na promoción de Rosalía de Castro en lugar de destinalas a alugueiro social”, comparou Igrexas. Porén, a demanda do BNG de reformular as bases foi rexeitada pola concelleira de Urbanismo, María Jose Caride. “Insiste nun modelo falido que se suma ao bluff do programa Vigo Aluga, que só recibiu nove solicitudes”, criticou.
O portavoz municipal do Bloque considerou que “este non é o camiño” cara ao obxectivo de dotar Vigo dun parque público de vivenda. “O Goberno de Abel Caballero leva case 20 anos de brazos caídos ante a emerxencia habitacional, e agora pretende substituír a inacción por propaganda sen resultados”, censurou Igrexas.
Situación insostíbel do alugueiro
Dende o BNG advertiron de que a realidade do alugueiro na cidade é “insostíbel” e foise agravando durante os últimos anos, con prezos que aumentaron un 40% e cun prezo medio que supera os 700 euros mensuais. Unha situación que, lamentaron, esta a expulsar á mocidade e ás familias traballadoras de Vigo, que conta xa con máis de 10.000 familias no rexistro de demandantes de vivenda protexida, a maioría en alugueiro.
O portavoz municipal do BNG reiterou a necesidade de poñer en marcha políticas reais e medidas efectivas dende o Concello de Vigo porque, afirmou, “con propaganda e anuncios non se pode garantir o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade”.

